O violoncellista Thomas Piel e Emmanuelle Janisz ao piano interpretan no Paraninfo da Universidade a Debussy, Tortelier e Saint-Saens
O violoncellista Thomas Piel e a pianista Emmanuelle Janisz interpretarán este martes 13 un concerto cuxo repertorio integran sonatas de Claude Debussy, Paul Tortelier e de Camille Saint-Saens. Os acordes comezarán ás 21.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). Previamente, este luns 12, os mesmos intérpretes achegan esta proposta ao Campus de Lugo no marco da programación musical do ciclo Músicas a carón da Mosquera 2014. O violoncellista Thomas Piel, nado en Colonia (Alemaña), é membro da Real Filharmonía de Galicia desde 2001 e forma parte de varios grupos de cámara. Asemade, na actualidade este chelista alemán é profesor de violoncello na Escola de Música Berenguela en Santiago de Compostela. Emmanuelle Janisz, pianista francesa asentada en Galicia desde 2002, comezou os estudos musicais no Conservatorio Nacional de Toulon, a súa cidade natal. Na actualidade compaxina o seu traballo como ensinante de piano con actuacións como solista. Tocou en diferentes ocasións coa Real Filharmonía de Galicia e tamén foi pianista acompañante na Escola de Altos Estudos Musicais.