Pasar al contenido principal

O Paraninfo da Universidade volve ás orixes da ópera co espectáculo ‘Drama in musica’

Cartel do espectáculo deste martes 6 de maio
Cartel do espectáculo deste martes 6 de maio
A profesora Isabel Espín ofrece este mércores na Facultade de Dereito unha charla sobre dereitos de autor dentro da colaboración da USC coa Semana da Ópera

‘Drama in musica’ é o espectáculo que acolle este martes 6 o Paraninfo da Universidade dentro da Semana da Ópera de Santiago e que achegará as orixes deste xénero en Venecia a cargo do grupo Resonet. A representación, que comezará ás 20.00 horas, estará protagonizada por Mercedes Hernández, soprano; Félix Rienth, tenor; Fernando Reyes, tiorba; e Paulo González, frautas de pico. Esta actividade enmárcase dentro da Semana da Ópera de Santiago que organiza a Asociación de Amigos da Ópera coa que colabora a USC. Entre os actos organizados para a conmemoración do Día Internacional da Ópera que se celebra o 10 de maio ás 17.00 horas, a profesora Isabel Espín Alba falará este mércores 7 na Facultade de Dereito sobre este xénero e os dereitos de autor. A ópera na Venecia do século XVII Venecia foi durante séculos unha das cidades máis ricas do mundo, centro económico do comercio co Oriente. Con poder económico e independencia política, foi un destacado centro artístico musical e teatral, contando sempre cos máis afamados pintores, arquitectos, músicos e actores, e estando sempre aberta a producir e aceptar novidades. É por esta razón pola que en Venecia acolleron con entusiasmo as revolucionarias ideas da Camerata Florentina, que nos comezos do século XVII andaba á procura do nacemento dun novo espectáculo musico-teatral en semellanza ás antigas traxedias gregas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2014.