Pasar al contenido principal

A Escola Politécnica Superior conmemora o Día da Terra cunha mostra e un relatorio sobre o cambio climático

Merino, Bueno a asistentes á proxección do audiovisual sobre cambio climático
Merino, Bueno a asistentes á proxección do audiovisual sobre cambio climático
O profesor da USC Agustín Merino disertou sobre o cultivo de carbono no contexto do cambio climático a través de prácticas agrícolas e forestais rendibles e sustentables

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo conmemora o Día da Terra coa apertura da mostra ‘ Cambio climático: o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción’, unha exposición cuxos distintos paneis informativos sobre as causas e as posibles consecuencias do cambio climático permanecen expostos ao público nas inmediacións da cafetería do devandito centro universitario.

Trala apertura desta mostra, un acto que estivo precedido pola proxección dun documento audiovisual sobre a mesma temática, o profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola Agustín Merino García ofreceu no salón de actos da EPS o relatorio ‘Cultivando carbono no contexto do cambio climático’. Merino salientou na súa intervención o crecente protagonismo dos valores ambientais nas prácticas agrícolas e forestais. O relator lembrou neste senso que os cambios normativos e a adopción de procedementos como o da certificación forestal contribuíron nos últimos anos a harmonizar as prácticas agrícolas e forestais en aras a mellorar a calidade do territorio e a súa sustentabilidade. O profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC indicou que os cambios apreciados na realización e planificación deste tipo de traballos redundan en múltiples aspectos ambientais, desde a mellora da calidade das augas ata a planificación e organización sostible do territorio. Asemade, Merino tamén indicou que cada vez son máis as prácticas agroforestais que conxugan o rendemento económico con valores sustentables. No caso de España, Merino indicou que as estatísticas comunitarias indican que é o país da UE que no que se desenvolveron máis plantacións forestais desde mediados da década dos anos 90 do pasado século XX. Este feito, xunto coa existencia de máis de 600.000 hectáreas de sufercie forestal, son reflexo dunha crecente preocupación por preservar os valores naturais e ambientais, dixo este docente da Escola Politécnica Superior. Os actos organizados pola Escola Politécnica Superior co gallo do Día da Terra, unha efeméride que tradicionalmente se celebra o día 22 de abril, estiveron presididos polo director da EPS, Javier Bueno Lema, e congregaron no salón de actos do centro universitario lugués varias decenas de estudantes, ademais dunha nutrida representación de docentes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.05.2014.