O Grupo de Investigación de Historia Moderna da USC afonda nos mecanismos de xestión da guerra na España dos Austrias
O seminario científico ‘Guerra e paz na España dos Austrias’, coordinado pola profesora da USC María del Carmen Saavedra, membro do grupo de investigación de Historia Moderna, afonda os vindeiros días 3 e 4 de outubro nos mecanismos de xestión da guerra na Península Ibérica.
Partindo desta base, este encontro aspira a realizar un balance de conxunto e, á vez, promover un debate ao redor da natureza da administración militar española. En concreto, tentarase resolver a disxuntiva entre a existencia dun único modelo de natureza plural ou a convivencia de varios modelos de xestión diferenciados. A verdadeira cuestión de fondo en torno á que xira este seminario é determinar se a forma de xestión elixida responde á realidade dunha monarquía que reforza o seu poder utilizando a diversidade territorial no seu propio beneficio, ou ben vese debilitada pola necesidade de obter o consenso dos poderes territoriais.
O debate sobre se a contribución á política militar facilitou a integración dos diversos territorios peninsulares nunha política común ou acentuou a disgregación territorial, será tamén obxecto de análise. Ambas as súas cuestións requiren dunha reflexión pausada, destinada a poñer de manifesto o importante papel reservado á administración militar no proceso de configuración da monarquía dos Austrias.
Este seminario terá lugar no Museo Histórico Militar de A Coruña e o acceso é libre. As persoas interesadas que precisen dun certificado acreditativo, deben inscribirse enviando un correo electrónico, indicando o seu nome completo, DNI e programa de doutoramento, se procede, ao enderezo electrónico anam.sixto [at] usc.es (anam[dot]sixto[at]usc[dot]es) A sesión do 3 de outubro estenderase en quendas de mañá e tarde, dando comezo ás 09.45 horas, mentres que a do 4 de outubro só se celebrará en quenda de mañá.