Pasar al contenido principal

Máis de cen especialistas de Europa e América participan no XVI Congreso Internacional da Asociación de Historiadores da Comunicación

Captura da web do encontro
Captura da web do encontro
Celebrarase en Ciencias da Comunicación este xoves 26 e o venres 27

A Asociación de Historiadores da Comunicación celebrará o seu XVI Congreso Internacional este xoves 26 e o venres 27 na USC para debater en perspectiva a revolución tecnolóxica da comunicación, prestando especial atención á historia dos novos medios dixitais así como o papel que lle corresponde na historia da comunicación. O encontro celebrarase na Facultade de Ciencias da Comunicación coa participación dun cento de especialistas de países de todo o mundo, Brasil, Portugal, Italia, México, Perú, Costa Rica, Uruguai e España, entre outros.

O presidente da Asociación de Historiadores da Comunicación, Jaume Guillamer Lloveras, xunto coa vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, serán os encargados de inaugurar o congreso nun acto ás 9.30 horas xunto con Xosé López García e Alberto Pena Rodríguez, directores do comité organizador. Durante esta sesión Josep Lluís Gómez Mompart realizará unha homenaxe a Jesús Timoteo Álvarez Fernández (1947-2018), primeiro presidente da Asociación de Historiadores da Comunicación.

Logo do acto inaugural celebrarase a primeira sesión plenaria do encontro, co lema ‘Historia dos novos medios no escenario dixital’, seguida doutra centrada na evolución histórica dos novos medios en Galicia. Na xornada da tarde celebraranse diversas sesións temáticas paralelas agrupadas cos lemas: Análise do discurso comunicativo e recepción de audiencias; Estrutura, modelos e sistemas de la comunicación; Medios, estratexias, técnicas de comunicación e biografías de comunicadores; Metodoloxías de investigación da historia da comunicación; Opinión pública, poder e comunicación; e Representacións da memoria histórica.

No programa está prevista a participación de dez relatores destacados que achegarán a súa visión sobre a evolución histórica dos novos medios. Entre outros atópanse Mario Tascón, socio fundador de Prodigioso Volcán e exdirector de elmundo.es; Vicent Partal, director de Vilaweb; Ismael Nafría, autor do libro La reinvención de The New York Times; Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais; Ana Regina Rêgo, da Universidade Federal do Piauí de Brasil; Francisco Rui Cádima, da Universidade Nova de Lisboa; Javier Díaz Noci, da Universidade Pompeu Fabra; Carlos Toural, presidente de AGACOM e membro do grupo de investigación Novos Medios da USC; Alba Silva, do grupo de investigación Novos Medios da USC; e Francisco Campos, catedrático da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.12.2019.