Pasar al contenido principal

As xornadas IDEGA debaten a situación actual e perspectivas laborais da xuventude galega

Celébranse este mércores 14 no Consello Económico e Social de Galicia coa participación de expertos da USC

As xornadas do IDEGA (Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC) reunirán este mércores 14 un conxunto de expertos que reflexionará sobre a situación actual e perspectivas laborais da xuventude galega. O programa de intervencións comezará ás 9.30 horas na Sala de Plenos do Consello Económico e Social de Galicia co relatorio do director do Departamento de Xeografía, José A. Aldrey, titulado ‘Galicia, un país sen xente nova? Tendencias demográficas actuais e futuras’, seguido de Juan Ramón García, de BBVA Research, para facer unha diserción sobre o desemprego xuvenil no contexto de España e Galicia. As consecuencias do desemprego xuvenil masivo é o tema dunha mesa redonda que moderará a directora do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC, Dolores Riveiro. Nela tomarán a palabra a profesora de Economía Cuantitativa Ánxela Troitiño e a vicepresidente de AEPM Galicia, Mónica Permuy, tratando a relación entre desigualdade, pobreza e exclusión social. Pola súa banda, Melchor Fernández, do grupo GAME do IDEGA, achegará ao debate a cuestión da fuga de cerebros nun relatorio que reflexiona sobre a mobilidade laboral e as perspectivas das migracións. A xornada rematará cunha segunda mesa redonda sobre ‘Reformas e propostas de actuación’ que moderará o profesor Alberto Meixide e que reunirá a representantes das organizacións sindicais UGT, CCOO, CIG e da Confederación de Empresarios de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.05.2014.