Pasar al contenido principal

A Estación Científica do Courel aborda o patrimonio cultural local no seminario ‘Castrexos e romanos’ que bota a andar este venres

Cartaz do seminario 'Castrexos e romanos', programado na Estación Científica do Courel
Cartaz do seminario 'Castrexos e romanos', programado na Estación Científica do Courel
Un relatorio sobre a explotación de ouro na época romana abre, ás 19.00 horas, o foro promovido pola USC e que citará en Seoane durante dous días a máis de 50 persoas
Lugo

O patrimonio cultural courelá, así como a súa importancia e posta en valor, serán obxecto de análise e debate no marco da segunda edición do seminario ‘Castrexos e romanos’, un foro promovido desde o campus de Lugo da USC en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural do Courel e a Deputación Provincial de Lugo, que bota a andar este venres 27 de setembro, a partir das 19.00 horas, nas instalacións da Estación Científica do Courel, onde se darán cita as máis de 50 persoas inscritas nesta actividade de formación e divulgación.

O profesor da Universidade de Coimbra Brais X. Currás e o investigador do CSIC Javier Sánchez-Palencia abrirán a quenda de intervencións deste foro cunha exposición sobre a explotación do ouro na época romana na cunca media do Sil e o complexo mineiro do Courel no seu contexto.

O relatorio ‘A herdanza inmaterial de Roma na Gallaecia: a lingua’, a cargo do catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, dará continuidade ás sesión deste foro na mañá do sábado, na que están programadas outras dúas charlas, unha a cargo do profesor ad honorem da Facultade de Humanidades da USC Felipe Arias Vila, que falará sobre a arqueoloxía do Courel, e outra do arqueólogo Luis López González, quen aproveitará a súa intervención para facer unha aproximación ao poboamento castrexo nas serras orientais galegas.

O tamén arqueólogo Iván Álvarez Merayo, membro do comité científico do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel, pechará en quenda de tarde o programa deste seminario sobre patrimonio cultural courelá cunha visita guiada ao castro da Torre de Sobredo.

O director da Estación Científica do Courel, o catedrático da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, Antonio Rigueiro Rodríguez, salientou o “éxito de participación” que están a rexistrar as diversas actividades promovidas desde a USC neste enclave da serra courelá. Satisfeito pola boa acollida desta programación, Rigueiro Rodríguez comentou que estas actuacións, ademais de favorecer a formación e a divulgación do coñecemento, contribúen tamén á promoción da serra courelá e á dinamización social e económica deste enclave da montaña luguesa.

O profesor Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, abrirá este seminario cun breve acto de benvida ás persoas participantes, unha sesión na que tamén participarán o director da Estación Científica do Courel, o deputado provincial delegado da área de Desenvolvemento Sostible, Roberto Fernández, e a alcaldesa do concello de Folgoso do Courel, Dolores Castro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.03.2021.