Dereito mantén aberta ata o 1 de outubro a inscrición para o congreso internacional ‘A seguridade nacional no mar’
O Congreso Internacional ‘A seguridade nacional no mar: máis alá da estratexia de seguridade marítima’, dirixido a estudantes da USC do máster en Estudos Internacionais, e dos graos en Dereito e Ciencias Políticas, ten aberto o seu prazo de inscrición ata o vindeiro 1 de outubro. Baixo a dirección dos profesores Isabel Lirola Delgado e Rafael García Pérez, este congreso celebrarase o vindeiro 3 de outubro, a partir das 9.00 horas, na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito.
Estruturado en dous bloques, retos e ameazas á seguridade marítima global, e as respostas europeas e nacionais á inmigración e fronteiras no mar, o foro está tamén aberto a público xeral interesado en cuestións de seguridade marítima. O xefe da Unidade de Riscos do Departamento de Seguridade Nacional, Antonio Notario, impartirá a conferencia inaugural baixo o título ‘Máis alá da estratexia de seguridade marítima: o seu plan de acción”.
As persoas interesadas en asistir deben mandar un correo ao enderezo electrónico daniel.neira [at] usc.es (daniel[dot]neira[at]usc[dot]es) indicando nome completo e DNI. Expedirase certificado de asistencia ás persoas inscritas que asistan a un 80% das sesións.
Este congreso organízase ao abeiro do proxecto I+D+IDER2016-78272-R: ‘España ante os novos retos da seguridade marítima: instrumentos e estratexias no marco internacional, europeo e peninsular’.