Pasar al contenido principal

A Facultade de ADE do campus de Lugo acolle este mércores 18 as probas da V Olimpíada Galega de Economía

Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo
Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo
Os 19 estudantes inscritos comezarán a desenvolver as distintas probas programadas ás 16.00 horas. A entrega de premios será ás 19.30 horas no salón de actos do centro

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo acubillará este mércores, día 18 de xuño, a partir das 16.00 horas, os exames da quinta edición da Olimpíada Galega de Economía, un concurso de carácter académico no que formalizaron a súa inscrición un total de 19 estudantes de diferentes institutos de ensino secundario de Galicia e que busca estimular e divulgar o estudo de Economía e Empresas entre o estudantado de ensino medio que chega por vez primeira ao campus de Lugo logo de ter celebradas as súas anteriores edicións en Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e Ourense.

A V Olimpíada Galega de Economía, un concurso organizado pola Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC en colaboración coa Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria (Agaedes) permite dar continuidade os concursos promovidos conxuntamente polas facultades de Económicas e Empresariais do Sistema Universitario Galego (SUG) desde o curso 2008-2009. O estímulo e a divulgación dos estudos de Economía e Empresa entre o alumnado de ensino secundario é un dos obxectivos básicos desta iniciativa, que se celebra por primeira vez na sede universitaria luguesa a que serve para premiar o esforzo e a excelencia académica dos/as máis novos/as, así como para establecer e fornecer vínculos estables entre as facultades das universidades galegas, os centros de ensino secundario, profesores de Economía en Bacharelato e alumnos e alumnas interesadas polo estudo desta materia. A decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, Begoña Barreiro Fernández, será a encargada de presidir a comisión académica encargada de avaliar os exames e probas de coñecemento realizadas polos estudantes participantes neste certame de carácter autonómico. As tres persoas participantes que obteñan as cualificacións máis altas poderán asistir á fase nacional da Olimpíada de Economía, un certame que desenvolverá as distintas probas programadas ao longo da última semana do mes de xuño na Cidade Autónoma de Melilla. O acto de entrega de premios desenvolverase, a partir das 19.30 horas, no salón de actos da Facultade de ADE de Lugo. Pódese obter máis información ao respecto deste edición do certame na web www.olimpiadagalega.es.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.06.2014.