Pasar al contenido principal

O proxecto Estalmat-Galicia recibe á súa XIII promoción

Estalmat-Galicia ten examinado a case 4000 estudantes na súa historia. Imaxe de arquivo
Estalmat-Galicia ten examinado a case 4000 estudantes na súa historia. Imaxe de arquivo
O acto inaugural terá lugar este sábado 28 de setembro, ás 10.30 horas, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas
Santiago de Compostela

O proxecto Estalmat-Galicia, centrado no estímulo do talento matemático en rapaces e rapazas de 12 e 13 anos, recibe este sábado 28 de setembro, a partir das 10.30 horas, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, aos vinte e cinco mozos e mozas que integran a súa XIII promoción. Este alumnado foi seleccionado logo de superar unha proba na que tomaron parte máis de catrocentos alumnos e alumnas de toda Galicia.

O acto de apertura do curso estará presidido polo Vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, acompañado pola decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, e polo presidente do proxecto Estalmat-Galicia e ex reitor da USC, Juan Viaño Rey. Xunto a eles, tomarán parte os representantes dos patrocinadores principais do proxecto, Juan Carlos Varela Vázquez, subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado; e Pilar García Porto, deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo. Completará a mesa a profesora Mercedes Rodriguez Bruzos do IES Rosalía de Castro, en representación dos docentes que mobilizan e avalan aos estudantes que participan nas probas de selección.

O campamento que terá lugar durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella no Concello de Vilarmaior en A Coruña, supón unha toma de contacto entre o alumnado nun ambiente lúdico-matemático. Entre as actividades programadas, os mozos e mozas manipularán as cúpulas de Leonardo, participarán nun concurso de fotografía matemática, traballarán cos exemplares das unidades didácticas de ‘Domingo Fontán’ e ‘María Wonenburger’ e farán un paseo lóxico-matemático á Torre dos Andrade.

Durante o curso os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do proxecto Estalmat-España, que desde o ano 1998 ven implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de vinte sábados de cada un dos dous vindeiros cursos académicos. Estalmat-Galicia mantén tamén o programa Estalmat PI, dirixido a manter o contacto un ano máis con actividades impartidas en doce sábados do curso. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nos círculos normais do ensino e da familia. Nos seus doce anos de implantación, Estalmat-Galicia ten examinado a case 4000 estudantes con grande interese polas matemáticas e ten seleccionado a máis de trescentos “talentos matemáticos”, en palabras do seu presidente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.12.2019.