Pasar al contenido principal

A xestión sustentable, principal reto do VI Congreso Ibérico da Ciencia do Solo

O congreso inaugurouse este luns na Facultade de Bioloxía (Foto: SERVIMAV-USC)
O congreso inaugurouse este luns na Facultade de Bioloxía (Foto: SERVIMAV-USC)

Especialistas de España e Portugal reúnense esta semana na Universidade de Santiago de Compostela para tratar de planificar accións futuras que permitan xestionar de forma sustentable o recurso do solo. O VI Congreso Ibérico da Ciencia do Solo (CICS2014) fai especial fincapé nesta ocasión no cambio climático, a función produtiva e ambiental do solo e a difusión e aplicación de coñecementos da ciencia para resolver os problemas da demanda de alimentos e da protección dos ecosistemas. O congreso, que se desenvolverá ata o día 25 na Facultade de Bioloxía, inaugurouse este luns 23 nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e ao que asistiron ademais a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; os presidentes da Sociedade Española e Portuguesa de Ciencia do Solo, Jaume Porta e Carlos Alexandre, respectivamente; e o presidente do Comité Organizador do Congreso, Felipe Macías. Promovido polas Sociedades Española e Portuguesa da Ciencia do Solo, o encontro está organizado polo Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Delegación Territorial da SECS en Galicia. Participan nel 140 congresistas e haberá conferencias plenarias a cargo de, entre outros, especialistas da Comisión Europea e de universidades chinas, neozelandesas ou canadenses.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.06.2014.