Comezou en Filoloxía o congreso internacional ICSE2014
O Congreso internacional ICSE2014 (International Conference on Spoken English: Descriptive and Applied Perspectives) estase a celebrar na Facultade de Filoloxía ata o venres 6 coa participación de especialistas no eido da análise do inglés oral nas súas múltiples facetas teóricas e aplicadas. O encontro organízao o grupo de investigación Spertus, equipo da USC especializado na investigación do inglés falado, pertencente ao Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC e membro da rede de investigación ELC (English Linguistics Circle). O reitor Juan Casares presidiu este mércores 4 a sesión inaugural, na que tamén interviñeron a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; a directora do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, Cristina Mourón Figueroa; o co presidente do congreso, Francisco Javier Fernández Polo; e a coordinadora da rede de investigación ELC, Teresa Fanego Lema. O elenco de temas a tratar inclúe, entre outros, as diferenzas entre o inglés oral e o escrito, as características lexicogramaticais do inglés oral, marcadores e outros fenómenos pragmático-discursivos propios do inglés na súa variante falada, a importancia da multimodalidade, as variedades de inglés falado, o ensino do compoñente oral na clase de inglés como lingua estranxeira, a comunicación en ámbitos profesionais ou o deseño de materiais e métodos para o estudo do inglés oral, entre outros temas. As sesións plenarias do congreso correrán a cargo de especialistas de renome nacional e internacional, como Juana Marín Arrese (Universidade Complutense, Madrid), Anna Mauranen (Universidade de Helsinki), Sagrario Salaberri (Universidade de Almería) e Sali A. Tagliamonte (Universidade de Toronto). Os eventos académicos inclúen ademais multitude de relatorios, pósteres e obradoiros. Durante o período de celebración do congreso haberá unha exposición bibliográfica de materiais relacionados co tema do mesmo.