Pasar al contenido principal

A USC ofertará para o curso 2014-2015 un total de 59 másteres

O reitor presentou publicamente a oferta de máster da USC
O reitor presentou publicamente a oferta de máster da USC

A Universidade de Santiago ofertará o vindeiro curso un total de 59 másteres, entre os que se inclúen cinco novos títulos. O reitor Juan Casares presentou publicamente a oferta de posgrao da USC para 2014-2015 este luns 17 nun encontro cos medios de comunicación. A oferta académica de posgrao, que no presente curso captou o interese de máis de 2.000 estudantes, contempla 48 másteres en Santiago e outros 11 en Lugo. Nas dúas vindeiras semanas, a USC desenvolverá unha serie de xornadas informativas nos dous Campus orientadas a difusión pública desta oferta. Na presentación estiveron presentes ademais o vicerreitor de Titulacións e Persoal Docente e Investigador, Jesús López Romalde; a xefa de servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica, Josefa Recalde; o xefe do servizo de Xestión Académica, Ramón García; e a directora da Oficina de Información Universitaria da USC, Maribel Braña. Entre as novas titulacións para o próximo curso inclúense Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade (nova edición), Biotecnoloxía (nova edición), Física, Psicoxerontoloxía e Química. Ademais, están pendentes de estudo para a súa implantación Español como lingua estranxeira e Monarquía de España: século XVI-XVII. Do total, a maior oferta concéntrase na área de Ciencias Sociais e Xurídicas onde o próximo curso se impartirán 18 másteres, seguida dos doce títulos de Ciencias da Saúde, once de Ciencias, nove en Artes e Humanidades e outros tantos en Enxeñaria e Arquitectura. Un tercio dos posgraos que se poderán cursar na USC teñen carácter interuniversitario, nove coas universidades do Sistema Universitario Galego, un coa da Coruña e outros once con diversas universidades do estado, entre elas, as Autónoma de Madrid e de Barcelona, a de Salamanca, País Vasco, Rovira i Virgili, Granada, Zaragoza, Cantabria ou coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo, entre outras. Perfís O conxunto de másteres entre os que poderán optar os futuros estudantes contemplan todas as orientacións ous perfís (académico, profesional e investigador), ademais de que tamén se poderán cursar algúns dos títulos que habilitan para o exercicio de profesións reguladas ou cuxa superación é condición requirida para o exercicio profesional. Entre os habilitantes, a USC inclúe na súa oferta académica os másteres de Enxeñaría Agronómica, de Montes e Industrial, os de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas (tanto en Santiago como en Lugo) e o de Psicoloxía Xeral Sanitaria. No apartado de títulos profesionalizantes ou requiridos para o exercicio profesional, inclúense os de Avogacía, que se impartirá en Lugo e en Santiago, e o de Enxeñaría Química e de Bioprocesos. Humanidades O alumnado da área de Humanidades poderán elixir entre un total de nove títulos, oito deles en centros de Compostela: Arqueoloxía e ciencias da antigüidade (25 prazas), Estudos da literatura e da cultura (24), Estudos ingleses avanzados e as súas aplicacións (24), Estudos medievais europeos: imaxes, textos e contextos (25), Historia Contemporánea (21), Lingüística aplicada (10), Lóxica e filosofía da ciencia (15) e Xestión do patrimonio artístico e arquitectónico, museos e mercado da arte (30). No Campus de Lugo, a oferta de másteres universitarios concéntrase no título de Servizos culturais (25 prazas). Ciencias O total dos once másteres da área de Ciencias impartiranse en Compostela. Os posgraos ofertados son Acuicultura (10 prazas), Bioloxía mariña (10), Biotecnoloxía (38), Enerxías renovables e sustentabilidade enerxética (25), Física (33), Fotónica e tecnoloxías do láser (35), Innovación en seguridade e tecnoloxía alimentaria (28), Matemáticas (25), Química (80), Química teórica e modelización computacional (8) e Técnicas estatísticas (25). Ciencias da Saúde Na área de Ciencias da Saúde, a oferta ascende a 12 másteres, dos que dous cursaranse en Lugo: Investigación en medicina e sanidade veterinaria (25 prazas) e Prevención de riscos laborais e saúde medioambiental (22). Os que se poderán cursar en Compostela son Atención sanitaria, xestión e coidados, coa posibilidade de realizar a especialidade de xestión ou clínica (30 prazas), Ciencias odontolóxicas (24), Condicionantes xenéticos, nutricionais e ambientais do crecemento e do desenvolvemento (25), Investigación biomédica (25), Investigación e desenvolvemento de medicamentos (28), Investigación en ciencias da visión (10), Neurociencia (30), Psicoxerontoloxía (25), Xerontoloxía (50) e Psicoloxía xeral sanitaria (33), esta última de carácter habilitante. Ciencias Sociais e Xurídicas Os quince títulos de Santiago e outros tres do Campus de Lugo constitúen a oferta maior, no relativo ás areas de coñecemento. En Lugo, o estudantado poderá optar por Avogacía (35 prazas), Dirección de Empresas (23) ou por Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas que neste Campus ofertará 60 prazas repartidas entre as especialidades de Ciencias experimentais, matemáticas, e tecnoloxía e informática; de Formación Profesional: sector primario e secundario; e de Linguas e literatura. En Santiago, poderase cursar Avogacía (35 prazas), Comunicación e industrias creativas (35), Desenvolvemento económico e innovación (25), Dereito das administracións e institucións públicas (30), Dirección de Empresas (23), Estudos avanzados sobre a linguaxe, a comunicación e as súas patoloxías (25), Estudos internacionais (40), Investigación en educación, diversidade cultura e desenvolvemento comunitario (29), Marketing, consultoría e comunicación política (40), Planificación e xestión do desenvolvemento territorial (30), Procesos de formación (25), Psicoloxía do traballo e as organizacións, psicoloxía xurídica-forense e intervención social (25), Turismo urbano e xestión de empresas turísticas (25), Xestión e dirección laboral (30) e Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e ensino de idiomas, de carácter habilitante. Esta última en Compostela inclúe 180 prazas a repartir entre as especialidades de Ciencias experimentais, matemáticas, e tecnoloxía e informática; Ciencias Sociais e Humanidades; Formación Profesional: sector servizos; Linguas e Literaturas; Artes Plásticas e Música; e Orientación Educativa. Enxeñaría e arquitectura A oferta nesta área contempla catro títulos en centros composteláns e cinco en lugueses. En Santiago impartirase Computación de altas prestacións (25 prazas), Enxeñaría ambiental (30), Enxeñaría química e de bioprocesos (30) e Matemática industrial (20). En Lugo Dirección de proxectos (25), Enxeñaría Agronómica (40), Enxeñaría de Montes (40), Enxeñaría Industrial (35) e Xestión sustentable da terra e do territorio (22). Custes de matrícula Os custes de matrícula, pendentes de aprobación da Xunta de Galicia, nas ramas de Ciencias, Ciencias da Saúde e enxeñaría e Arquitectura oscilan entre os 31,36 euros por crédito (1.881,60 euros por curso académico) nos títulos habilitantes e os 29,81 euros nos restantes (1.788,60 euros). Nas restantes áreas os prezos varían entre 21,61 euros por crédito (1.296,60 por curso académico) dos habilitantes e os 20,25 euros por crédito (1.215,00 euros) dos que non o son. Xornadas orientativas Para que as persoas interesadas poidan coñecer máis detalles dos másteres ofertados, están programadas tres xornadas informativas con representantes de cada un dos posgraos. Este martes 18 celebrarase a primeira, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e o xoves 20 será a quenda da segunda, na Biblioteca Concepción Arenal. En Lugo, está programada para o día 25 na Facultade de Veterinaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.03.2014.