Pasar al contenido principal

Un seminario internacional analiza a pegada de Wenceslao Fernández Flores no cinema español de posguerra

Cando se cumpren 50 anos do pasamento do escritor coruñés Wenceslao Fernández Flores (1885-1964), un simposio internacional tratará de “determinar con precisión de que xeito as peculiaridades estilísticas, formais e temáticas, dos Modos de Representación do cinema español da posguerra parten de maneira decisiva” da pegada literaria do autor. Con esta premisa, o encontro ‘ Costumismo, humor, melancolía, reflexividade: Impronta de Wenceslao Fernández Flórez no cinema español’ celebrarase este xoves 27 e o venres 28, organizado pola Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, pola de Filoloxía da Coruña, o Concello e a Deputación da Coruña e pola Filmoteca de Galicia do Centro Galego de Artes da Imaxe (AGADIC). Como explican os seus promotores, a obra do escritor coruñés converteuse na súa vertente cinematográfica “en materia sorprendentemente axeitada para metaforizar o desolador panorama da época, a súa maneira de ollar o mundo, crítica e melancólica, costumista e reflexiva, expándense das máis diversas formas practicamente á totalidade do cinema hispano”. O programa do xoves 27 arrancará na Facultade de Ciencias da Comunicación a partir das 10.30 horas cunha serie de relatorios que abordan o tema proposta da man de expertos en cine das universidades da Coruña, Zaragoza e Santiago. A primeira xornada desprazarase pola tarde ao Pazo de Mariñán, onde continuará o venres 28. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web do congreso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.03.2014.