Cinco libros achegan parte da produción científica da Facultade de Ciencias da Educación no último ano
A Comisión Cultural da Facultade de Ciencias da Educación presentou este venres 28 algunhas das últimas publicacións producidas polo profesorado e investigadores deste centro ao longo do último ano. O acto, que se celebrou na Sala de Xuntas desta Facultade, contou coa presenza do decano, Lois Ferradás Blanco, así como dunha representación dos autores e autoras das obras.
Os libros presentados tratan diferentes temas de interese didáctico como a aplicación das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) nas aulas, a literatura infantil e xuvenil, o uso das redes sociais por parte da mocidade, a inserción laboral das mulleres emigrantes retornadas e as experiencias educativas máis innovadoras dos últimos anos na comunidade galega.
Unha historia, cuatro historias Esta obra, coordinada por Lourdes Montero e Adriana Gewerc, está baseada nunha investigación do Grupo Stellae que aborda o problema e os retos da aplicación das TIC nas aulas. É o resultado dun estudo financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e conta a historia da aplicación do PIETIC (Proxecto de Innovación Educativa con Tecnoloxías da Información e Comunicación) en catro centros educativos da comunidade galega ao longo de tres cursos escolares. O álbum da literatura infantil e xuvenil (2000-2010) Blanca Ana Roig Rechou, Isabel Soto López e Marta Neira Rodríguez, coordinan este libro no que se analiza as peculiaridades desta modalidade literaria que presenta unha especial interrelación entre texto e ilustración. O volume conta cunha selección de obras destacadas, acompañadas de comentarios pormenarizados e outras achegas de interese para facilitar o seu uso nas aulas. Postmodernidade e novas redes sociais. Identidades de xénero nos videoxogos Jorge García Marín edita este libro no que se afonda no consumo diferencial por sexo dos videoxogos e na violencia simbólica transmitida por estes a través das súas narrativas e personaxes. Toma como base unha investigación realizada entre o alumnado da ESO na que se analiza o uso das novas tecnoloxías entre a xuventude. Cuaderno para el retorno Esta publicación do Grupo de Investigación Galego de Estudos para a Formación e Inserción Laboral da USC (GEFIL) é unha guía para facilitar a inserción laboral de mulleres emigrantes retornadas. Baséase nunha investigación anterior financiada polo Ministerio de Economía e Competitividade. A guía componse de 10 capítulos e pretende ser unha ferramenta útil para as persoas que teñan intención de retornar a España tras emigrar. Materiais didácticos e experiencias educativas innovadoras
O libro, coordinado por un grupo de investigadores entre o que se atopa o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, Xosé Rodríguez Rodríguez, recolle máis de 30 materiais e experiencias innovadoras que se desenvolveron en Galicia nos últimos anos. Boa parte dos recursos e iniciativas que se presentan pretenden constituírse en ferramentas alternativas ou complementarias aos libros de texto, amosando prácticas innovadoras de traballo na aula e de atención ás diferentes necesidades do alumnado e profesorado.