O catedrático da USC Pedro Diz Dios recolle este sábado o VII Premio Miguel Blanco da Federación Galega de Dano Cerebral
A Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC recibe este sábado 28, na Facultade de Filosofía, ás 11.30 horas, o VII Premio Miguel Blanco outorgado pola Federación Galega de Dano Cerebral. O director da Unidade e catedrático de Estomatoloxía, Pedro Diz Dios, recollerá o galardón no marco da xornada sobre o dano cerebral adquirido ‘A Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética’.
Fegadace decidiu recoñecer “o coidado da hixiene bucodental que a Unidade leva prestando desde 1992 ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia, e o seu labor divulgativo a favor dos dereitos das persoas con discapacidade e en contra das barreiras que dificultan o seu pleno acceso ao dereito á saúde”.
A Unidade naceu para paliar a especial vulnerabilidade e risco para a saúde dental que teñen as persoas con discapacidade, garantindo o acceso a unha correcta hixiene oral, o que incrementa a autonomía e a autoestima da persoa con dano cerebral adquirido, repercutindo no seu bo prognóstico xeral de recuperación e/ou mantemento de capacidades.
Diz Dios disertará no acto de entrega sobre a traxectoria da Unidade e o dereito á saúde oral. Miguel Ángel Verdugo, catedrático de Psicoloxía da Discapacidade e director do Instituto Universitario de Integración na Comunidade da Universidade de Salamanca, entidade premiada en 2018 con este mesmo galardón, será o encargado de facer a entrega do premio.