Pasar al contenido principal

Marcelino Agís presenta en Filosofía o seu libro O Padre Sarmiento, viaxeiro

Marcelino Agís presenta en Filosofía o seu libro O Padre Sarmiento, viaxeiro
Marcelino Agís presenta en Filosofía o seu libro O Padre Sarmiento, viaxeiro

O catedrático de Filosofía e decano da Facultade da USC, Marcelino Agís Villaverde, presenta este martes 4 ás 19.00 no salón de actos do centro o libro O Padre Sarmiento, viaxeiro, publicado pola Editorial Galaxia e do que é autor. Con este acto conclúe o ciclo de presentacións de publicacións de docentes da Facultade compostelá que tivo lugar ao longo deste semestre.

Na presentación participarán, ademais do autor, o profesor de Filosofía Española e Galega, Oscar Parcero Oubiña; o arquitecto, escritor e autor do prólogo, Rafael Fontoira Surís, e a directora do Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo, Ana Cancela Muras.

Fray Martín Sarmiento, un dos máis importantes autores ilustrados, foi un investigador de fontes e documentos escritos, escudriñaba sistematicamente as bibliotecas e arquivos dos mosteiros que visitaba e el mesmo atesoraba unha gran biblioteca. Pero tamén buscou o coñecemento a través da experiencia directa da realidade que propiciaban as súas viaxes, ocasión para memorizar ou anotar topónimos, voces populares, contos e tradición populares, lendas, nomenclaturas relacionadas con plantas e animais, e un longo etcétera.

Grazas a este libro o lector pode acompañar a Martín Sarmiento nas súas tres viaxes a Galicia, coñecer as súas fontes documentais e comprobar ata que punto completou a súa inmensa erudición, adquirida en moitas horas de estudo, coa información que extraía nas súas camiñadas, algunhas tan fermosas e de tanta transcendencia para o pensamento e a obra de Sarmiento como a viaxe a Galicia de 1745, Ano Santo compostelán. Nesta ocasión, peregrinará a Santiago para gañar o xubileo, pero rodeando a comarca do Salnés e inaugurando un itinerario singular, seguido hoxe por un número crecente de persoas amantes da historia e da cultura xacobea.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.06.2019.