Pasar al contenido principal

Unhas xornadas sobre primeiros auxilios citan ata o mércores cerca de 100 estudantes e mestres en Formación do Profesorado

O director deste curso estival da USC, Rubén Navarro, abre o martes as intervencións cun relatorio sobre programas escolares para o traballo dos primeiros auxilios

O programa formativo ‘Xornadas sobre primeiros auxilios. A RCP básica de calidade, por unha Educación Física máis segura’, que é un dos seminarios incluídos na Universidade de Verán 2014 da USC, citará este martes e mércores na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo cerca de 100 estudantes e mestres, que, ao longo de distintas sesións repartidas en 16 horas formativas, poderán ampliar os seus coñecementos teóricos e prácticas sobre prestación de primeiros auxilios en centros educativos.

Os obxectivos fixados polos organizadores deste curso pasan por capacitar aos profesionais do ensino, nas medidas actuais de primeiros auxilios, ademais de afondar no coñecemento dos accidentes máis frecuentes nos centros de escolares e as técnicas para a súa prevención. A responsabilidade civil e penal do docente cando acontece un accidente na escola, a activación da cadea de supervivencia e traslado dende un centro escolar ata un centro hospitalario, a capacitación e familiarización dos profesionais do ensino cos novos materiais de inmobilización e traslado de accidentados dende un centro escolar, e o coñecemento das actuais técnicas de soporte vital básico así coma da lexislación relacionada con este tema son outras das cuestións que abordarán os relatores que interveñan nestas xornadas, de marcada orientación práctica. O director do curso, Rubén Navarro Patón, e Silvia Basanta Camiño, ofrecerán este martes, a partir das 9.30 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo o relatorio inaugural destas xornadas, unha intervención na que os afondarán sobre os traballos escolares para o traballo dos primeiros auxilios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.06.2014.