Pasar al contenido principal

Luis Hueso abre o luns na USC un ciclo de cine checo, que proxectará catro filmes e sete curtas ata o 14 de marzo

O filme merecedor un Oscar 'Trens rigorosamente vixiados' abrirá as proxeccións, que comezarán todas ás 19.30 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía da USC

O catedrático de cine da USC, Luis Hueso Monzón, inaugurará o vindeiro luns na Facultade de Filosofía unha nova edición do ciclo de cine checo de Oscar, unha iniciativa a través da que a institución académica compostelá achega ao público algunhas das producións cinematográficas checas máis recoñecidas e que nesta edición ofrece do 10 ao 14 de marzo a proxección de catro longametraxes, así como unha sesión centrada nas curtas durante a que se proxectarán sete curtametraxes. O filme merecedor un Oscar 'Trens rigorosamente vixiados' abrirá o luns 10, a partir das 19.30 horas, no salón de actos da Facultade de Filosofía da USC, este novo ciclo de cine checo, que inclúe tamén na súa programación o filme ‘Kolia’, merecedor tamén doutro Oscar, así como outras dúas producións escollidas pola organización, como o son os filmes ‘Amores dunha loura’ e ‘A miña doce viliña’. O repaso ao cine checo que propón neste ciclo a USC inclúe ademais unha ollada a outro dos seus puntos fortes, como é o cine de animación, cunha sesión retrospectiva de curtas de Jiří Bárta, cuxa proxección será o día 14 de marzo no Salón de Actos da Facultade de Fiolosofía, o escenario que acubillará todas as proxeccións, que comezarán sempre ás 19.30 horas. A través das películas, moitos espectadores en todo o mundo puideron coñecer a historia checa, moi presente na súa cinematografía e especialmente naquelas películas que obtiveron máis éxito fóra do país. O ciclo que propón a Universidade de Santiago de Compostela inclúe catro desas obras que mostran con bastante fidelidade o ambiente dese país nos determinados momentos históricos. 'Trens rigorosamente vixiados' de Jiří Menzel, e 'Amores dunha loura' de Miloš Forman, son amais dous dos máximos expoñentes da recordada Nova Onda do cine checoslovaco dos 60. A última sesión ofrece un ángulo de vista completamente distinto á cinematografía checa, como é o cine de animación, de gran tradición na antiga Checoslovaquia, caracterizado polo uso de marionetas e a técnica do stop-motion. Jiří Bárta é un dos nomes máis importantes da considerada segunda xeración da animación checa, xunto a Jan Švankmajer.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.03.2014.