Pasar al contenido principal

Administración e Dirección de Empresas acolle este venres unha táboa redonda sobre emprendemento universitario

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas acubillará este venres, día 7 de marzo, unha táboa redonda sobre emprendemento universitario que se desenvolverá baixo o título ‘ Universitarios emprendedores ¿E ti por qué non?. Este foro de debate, organizado no marco do acto de presentación da iniciativa ‘Ruta ao 2020: o teu club de emprendedores’, promovida polo Grupo Diariocrítico, e do libro ‘¿Podo montar a miña propia empresa?, que recolle testemuños e experiencias de diferentes emprendedores de éxito, contará como relatores con emprendedores e empresarios, así como con responsables dos servizos de emprendemento do Concello de Lugo e da USC. A coordinadora do Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo, Isabel Villamor; o técnico de xestión da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, Pablo Fontela; o director xente da empresa AMSlab, Manuel Lolo Aira; o delegado territorial da Escola de Organización Industrial en Galicia, Alfonso Martínez, e un técnico de Asociación de Xoves Empresarios, achegarán neste foro as súas respectivas visións e tamén as súas experiencias respecto do emprendemento universitario. Esta sesión sobre emprendemento universitario desenvolverase a partir das 12.00 horas na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O vicerreitor de Coordinación e Planificación, Pedro García Herradón, dará a benvida aos participantes ao acto, que comezará coa presentación do libro ‘¿Podo montar a miña propia empresa?’. O xornalista Fernando Jáuregui será o encargado de moderar a presentación deste volume, nun acto no que intervirán como relatores o alcalde de Lugo e o presidente da Deputación Provincial, ademais de diversos representantes empresariais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.03.2014.