Pasar al contenido principal

AlumniUSC entrega este mércores 5 en Afundación o seu premio de Relato curto a Ricardo Cid Paz

Imaxe de arquivo de Ricardo Cid, autor do texto premiado 'O isco'
Imaxe de arquivo de Ricardo Cid, autor do texto premiado 'O isco'
O texto gañador, “unha historia impactante” en opinión do xurado, recibirá un premio en metálico de 500 € que achega HM Hospitales (Rosaleda)

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni) celebra este mércores, 5 de xuño, o acto de entrega da décimo terceira edición do seu Premio Relato Curto a Ricardo Cid Paz (Ourense, 1974) polo seu texto O isco. A sesión celebrarase a partir das 19.30 horas no Salón de Actos de Afundación (rúa do Vilar, 19). A sesión comezará co relatorio de Armando Requeixo sobre estratexias narrativas na literatura galega actual, a quen seguirá a lectura en voz alta do texto premiado polo propio autor e un faladoiro cos membros do xurado e o público asistente. O director territorial en Galicia de HM Hospitales, Rafael Silva, como entidade patrocinadora, entregará o premio dotado con 500 euros. A vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero Espinar, e a presidenta de Alumni USC, Benita Silva, clausurarán o acto. A entrada é libre.

Ricardo Cid Paz alzouse co galardón polo seu texto O isco, peza que conta a relación dun pai e un fillo que saen xuntos a pescar, ata que un día en que o pai vai só, este aparece afogado no río. “Sempre que podo trato de poñer en valor o que me gusta, como neste caso, e por desgraza, a malparada lagoa de Antela, o río e a contorna da agora parcelada comarca da Limia”, segundo indica o autor.

Formaban o xurado o investigador e crítico literario Armando Requeixo Cuba, a gañadora da edición anterior –Rocío Leira Castro–, e a socia lectora de Alumni Inmaculada Sánchez Leira, actuando como secretaria –con voz e sen voto– Mar Fernández Vázquez, que emitiron o ditame por unanimidade logo da valoración dos cincuenta traballos presentados a esta edición. O xurado resaltou a capacidade do autor á hora de presentar unha historia “impactante, ben estruturada e cunha tensión crecente ata o poderoso final do relato”. Tamén valorou a “forza duns personaxes ben debuxados, a excepcional calidade da páxina escrita –caracterizada por un vizoso léxico– e o profundo coñecemento do medio que recrea: o río”.

O autor premiado reside en Ourense e dedícase profesionalmente ao mundo da veterinaria. Licenciado en Veterinaria pola USC e graduado en Ciencias Ambientais pola UNED, Ricardo Cid xa ten obra publicada e acadou o primeiro premio do concurso Balbino de relatos en 2017 e o segundo no certame literario do Concello de Ames de 2018, entre outras distincións. De feito, Edicións Fervenza publicou a obra coa que gañou o Balbino, De que falarán as árbores.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.06.2019.