Pasar al contenido principal

Un foro sobre o sector pesqueiro celebrado en ADE sitúa a Mariña luguesa á cabeza da venda de peixe fresco en España

Míguez, Villasante, Neira e Barreiro, na xornada celebrada na Facultade de ADE
Míguez, Villasante, Neira e Barreiro, na xornada celebrada na Facultade de ADE
Representantes do sector salientan a relevancia económica da pesca na provincia de Lugo e ven un “obstáculo” a reforma política pesqueira da UE vixente ata o 2022

A Mariña luguesa é o lugar de España no que máis pescado fresco se de vende, por diante de portos como os de A Coruña, Marín ou Vigo, como o proba o feito de que os portos de Celeiro e Burela facturaron o pasado exercicio 2013 máis de 100 millóns de euros pola comercialización de peixe fresco, segundo puxeron de manifesto diversos representantes do sector pesqueiro galego que participaron nun foro sectorial celebrado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, no que abordaron a contribución do sector pesqueiro ao desenvolvemento económico e social da provincia de Lugo.

As intervencións dos relatores que participaron nesta xornada de debate e análise, que estivo moderada pola decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro, xiraron arredor da relevancia do sector pesqueiro en Lugo e na súa provincia, sobre todo no que atinxe a peso económico e xeración de riqueza. Este foro pesqueiro, no que participaron Miguel Neira, en representación de Armadores de Burela SA (ABSA), Eduardo Míguez, de Puerto de Celeiro; Mercedes Moreda, da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, e o profesor da USC e coordinador do grupo de traballo do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) Resiliencia e Servizos Ecosistémicos Mariños, Sebastián Villasante, advertiu tamén da necesidade de recoñecer a importancia do sector pesqueiro na provincia de Lugo, na medida que xera máis postos de emprego, tanto directos como indirectos, que a agricultura. Os modelos de xestión empresarial adoptados no sector pesqueiro na década dos anos 90 do pasado século XX son, a xuízo dos relatores, o reflexo do éxito da combinación da experiencia tradicional dun sector produtivo primario cunha visión estratéxica e innovadora que foi capaz de superar as “históricas dificultades” establecidas pola Comisión Europea na asignación de cotas, os novos cambios e as esixencias impostas polos mercados de pesca. Outra das ideas postas de manifesto nesta xornada sobre a pesca atinxe á capacidade amosada polo sector pesqueiro lugués para adaptarse e sortear con éxito a crise económico, a través da adopción de estratexias de diferenciación e especialización de produtos baseados nunha elevada calidade, tal e como pode ser o caso da pescada do pincho ou do bonito do Cantábrico. Respecto da política pesqueira da Unión Europea, o profesor Villasante puxo de manifesto que todos os informes científicos do ICES amosan unha clara melloría dos stocks comerciais en Europa, e particularmente daqueles que capturan as flotas no Cantábrico Noroeste. Os relatores tamén coincidiron á hora de sinalar que a reforma política pesqueira da UE, vixente ata o ano 2022, constitúe o principal obstáculo para o desenvolvemento do sector, xa que solo impón restricións de carácter ambiental. Aínda así, os representantes do sector pesqueiro lugués son optimistas e confían no traballo e na experiencia do sector para seguir a xerar emprego e beneficios económicos e sociais no país.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.03.2014.