Pasar al contenido principal

O uso tradicional de plantas medicinais en Galicia centra esta fin de semana un obradoiro na Estación Científica do Courel

Cartaz do obradoiro sobre plantas medicionais que comeza este venres na Estación Científica do Courel
Cartaz do obradoiro sobre plantas medicionais que comeza este venres na Estación Científica do Courel
O catedrático da USC Antonio Rigueiro inaugura este venres, ás 16.00 horas, o taller impartido por María Moure Oteyza e que cubriu as 40 prazas ofertadas nesta edición

A Estación Científica do Courel acolle desde este venres ata o domingo 9 de xuño un obradoiro intensivo sobre o uso tradicional de plantas medicinais en Galicia, un programa intensivo que será impartido pola licenciada en Farmacia pola USC María Moure Oteyza e a través do que o alumnado matriculado terá a oportunidade de identificar e coñecer os usos e aplicacións das plantas medicinais localizadas no Courel.

O director da Estación Científica do Courel, o catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC Antonio Rigueiro Rodríguez, abrirá este venres, a partir das 16.00 horas, esta nova edición do obradoiro sobre usos tradicionais de plantas medicinais, un programa estruturado en 11 horas e que completou as 40 prazas ofertadas, que chega unha formación de carácter intensivo e inclúe dúas saídas ao campo, a través das que o alumnado poderá poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

As sesións teóricas, distribuídas en catro horas de clase por día con media hora de descanso polo medio, comezarán cunha primeira charla de introdución e achegamento á temática do obradoiro. As 9 sesións seguintes basearanse na elaboración de fichas técnicas de diferentes plantas medicinais, a razón de 3 plantas por hora. Un coloquio final para atender as dúbidas, comentarios e preguntas dos asistentes, servirá de colofón do programa.

Cada unha das fichas técnicas propostas para a súa elaboración no marco deste obradoiro atinxe a unha planta medicinal común utilizada en Galicia a nivel tradicional, tomando como referencia as utilizadas na Serra do Courel. Trátase dun total de 30 plantas clasificadas por orde alfabética. De cada unha delas estudarase o seu uso, tanto o recolleito pola Farmacopea oficial como o tradicional. Tamén se estudarán as partes utilizadas e a preparación, así como as precaucións de uso e, no caso de que procedese, o seu significado máxico-medicinal, así como refráns, lendas e cancións. O devandito estudo completaríase cos coñecementos achegados polos asistentes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.03.2021.