O libro A galería de decanos da Facultade de Medicina conmemora os 366 anos do centro
Con motivo da conmemoración dos 366 anos da creación da Facultade de Medicina, a Universidade de Santiago acaba de editar o libro A galería de decanos da Facultade de Medicina do que son autores Ricardo Gurriarán, Xesús Otero Costas e José Manuel García Iglesias. O volume testemuña, a partir dos retratos, tanto biográficos como artísticos, a vida, obra e semblanza física dos 21 decanos da facultade compostelá que, entre mediados do século XIX ata a actualidade, rexeron os destinos deste centro. O volume presentouse este mércores 3 na Sala de Graos da Facultade de Medicina e Odontoloxía nun acto presidido polo reitor Juan Viaño no que interviñeron ademais o decano da Facultade, Juan Jesús Gestal Otero; o autor Xesús Otero; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco; e a secretaría da Facultade, Teresa Castaño Oreja. Como explica o profesor Gestal Otero no limiar da obra, o libro está dedicado a unha “galería singular por ser uniforme e completa”, ao compartir os retratos un formato similar. A relación agrupa os 21 decanos dende José Varela de Montes, a mediados do século XIX, ata Andrés Beiras Iglesias, a comezos deste século. En Medicina, estes retratos cólganse a partir da xubilacións dos profesores, razón pola que aínda non están na galería os retratos de Javier Jorge Barreiro e Andrés Beiras Iglesias, aínda que si figuran no libro. O inicio da galería sitúase en 1900, cando Mariano Tito Vázquez pinta os retratos dos decanos José María Morales Carballo e José María Andrey Sierra. Como sinala o profesor de Historia da Arte José Manuel García Iglesias, a “similitude de ambos no formato e na composición” apunta a vontade de formar unha galerías de decanos”. Trátase en todos os casos de pinturas realizadas para o seu emprazamento no antigo Colexio de Fonseca, onde tamén tiveron a súa sede os estudos médicos composteláns, explica Juan Gestal. Os responsables da edición tentaron facer un libro “ áxil e sinxelo, que dedicase a cada decano unha páxina para o retrato e outra para comentar os aspectos máis salientables do seu currículo”. A maioría galegos, na nómina de autores dos retratos atópanse Mariano Tito Vázquez Sánchez, Elvira Santiso García, Manuel López Garabal, Francisco Luís López Carballo, Félix Revello de Toro, Manuel Bonome Aveledo, L. Cabezas, María Consuelo Gil de la Peña, Manuel Quintana Martelo ou Vicente Prego Vázquez. O reitor presidiu no salón de graos do centro a presentación do volume (Foto: SERVIMAV-USC)