Pasar al contenido principal

O enxeñeiro de Montes Xabier Bruña ve a participación pública como unha necesidade para a planificación forestal do século XXI

Manuel Francisco Marey e, á dereita, Xabier Bruña García, na EPS
Manuel Francisco Marey e, á dereita, Xabier Bruña García, na EPS
A tese de doutoramento defendida na EPS por Bruña García e dirixida polo profesor da USC Manuel Marey mereceu a cualificación de sobresaínte cum laude

O enxeñeiro de Montes e investigador do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC Xabier Bruña García defende a participación pública como innovación necesaria a incorporar nos procesos de planificación forestal do século XXI.

A tese de doutoramento ‘Proposta dunha metodoloxía para a participación pública nos procesos de planificación forestal’, que vén de defender Xabier Bruña na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, supón o argumentario da fórmula de planificación forestal participada proposta por Xabier Bruña, quen considera que se debería desenvolver un labor previo de mediación e interlocución cos habitantes de cada lugar afectados polo plan para coñecer así a realidade de cada territorio e logo poñer os medios apropiados para solucionar os problemas advertidos. A investigación desenvolvida por Bruña García baixo a dirección do profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Francisco Marey Pérez afonda nas vantaxes e nos mecanismos de participación das persoas que habitan un territorio no deseño das políticas de xestión do monte e dos plans de ordenación forestal. No seu estudo, Bruña recolle, ademais dun amplo marco teórico respecto das vías de participación pública, a experiencia práctica dun proceso participativo de planificación forestal desenvolvido no distrito forestal de Fonsagrada-Os Ancares. O que permite a participación pública na planificación é que facilita moito a execución do plan, di este investigador, quen salienta que aplicar calquera proceso de planificación ou xestión de recursos é moito máis doado e efectivo se conta coa implicación e participación das persoa directamente afectadas. Bruña argúe tamén neste estudo que as planificacións impostas acadan peores resultados que as participadas, que basean parte do seu éxito nas decisións conxuntas e no consenso. Tribunal da tese O investigador Xabier Bruña García defendeu a súa tese de doutoramento ‘Proposta dunha metodoloxía para a participación pública nos procesos de planificación forestal’, dirixida polo profesor da USC Manuel Francisco Marey Pérez diante dun tribunal presidido por Edelmiro López Iglesias. Pedro Álvarez Álvarez, da Universidade de Oviedo, Verónica Rodríguez Vicente, da Asociación Forestal Sectorial Galega (Asefoga), María Dolores Domínguez García, da Universidade de Vigo, e o tamén profesor da USC Melchor Fernández Fernández tamén formaron do tribunal encargado de avaliar unha tese de doutoramento que mereceu a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.12.2014.