Pasar al contenido principal

O pluralismo relixioso centra o VIII Seminario Nacional de Atención ao Alumnado Inmigrante

Desenvolverase en Ciencias da Educación este venres e o sábado

O grupo de investigación Esculca da USC coordinado polo profesor Miguel Ángel Santos Rego organiza para este venres 12 e o sábado 13 na Facultade de Ciencias da Educación o VIII Seminario Nacional de Atención ao Alumnado Inmigrante. Experiencia e Innovación’. A oitava edición deste encontro, ideado para fortalecer a colaboración entre os distintos profesionais e para a posta en valor dos seus proxectos e boas prácticas, terá como eixo central a diversidade e o pluralismo relixioso. Logo da inauguración ás 16.15 horas, o profesor Miguel Santos Rego pronunciará a primeira conferencia titulada ‘O pluralismo relixioso e a educación intercultural: claves pedagóxicas para o diálogo’. Xa ás 18.15 horas terá lugar unha mesa redonda sobre o feito relixioso e o proceso educativo na que intervirán Luís Otero Outes, da Vicaria de Ensinanza do Arcebispado de Santiago de Compostela; David Rego Fernández, do Consello Evanxélico de Galicia; e Mustapha Alhendi Baluch, médico xubilado da comunidade islámica galega. Clausura Torres Queiruga A xornada do sábado comezará ás 9.30 horas co relatorio ‘O pluralismo relixioso en España: o desafío da xestión educativa’ a cargo do director da Fundación Pluralismo e Convivencia, Fernando Arias Canga, e continuará co desenvolvemento de diversos talleres prácticos. Pola tarde será a quenda de presentación de experiencias e boas prácticas como a Radio Furoca, o traballo intercultural no Camiño de Santiago ou a relixión na comunidade xitana. A última conferencia terá lugar ás 18.00 horas da man do teólogo membro da Real Academia Galega da Lingua Andrés Torres Queiruga sobre a ensinanza da relixión e a educación nunha sociedade culturalmente diversa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.12.2014.