Pasar al contenido principal

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural distingue na súa décimo quinta edición a D.O.P. San Simón da Costa

José Manuel Andrade, Álvaro Rodríguez Eiras, Juan Viaño, Marius Rubiralta e Javier Bueno, no fallo do XV Premio Aresa
José Manuel Andrade, Álvaro Rodríguez Eiras, Juan Viaño, Marius Rubiralta e Javier Bueno, no fallo do XV Premio Aresa
O xurado, presidido polo reitor da USC, Juan Viaño, fallou este mércores en Lugo o certame promovido por Aresa e a USC e ao que concorreron 9 candidaturas

O xurado do XV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un certame promovido de xeito continuado desde o ano 2000 polo grupo empresarial de subministros agrogandeiros Aresa en colaboración coa USC, acordou distinguir na décima quinta edición deste galardón, dotado con 10.000 euros, á Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa.

A candidatura gañadora resultou escollida entre un total de nove semifinalistas, entre as que se atopaban tres empresas, tres traballos de investigación, dúas asociacións e unha cooperativa, segundo sinalou o reitor da USC e presidente do xurado desta edición do premio, Juan Viaño. O presidente do grupo empresarial Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; o director do Campus da Alimentación da Universidade de Barcelona, Marius Rubialta, tamén formaron parte do tribunal encargado de xulgar as candidaturas presentadas ao XV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, do que actuou como secretario o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema. A Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa agrupa once queixerías que rexistran unha produción media anual de 400.000 quilogramos. A capacidade para reunir a carón dunha mesma iniciativa, a DOP San Simón da Costa, once produtores que actuaban como competidores directos, e o aproveitamento dunha materia prima abundante en Galicia como é o leite constituíron dous dos aspectos máis valorados polo xurado á hora de determinar a candidatura gañadora, sinalou Álvaro Rodríguez Eiras, quen tamén adiantou que a cerimonia de entrega deste galardón desenvolverase nunha data aínda por determinar nos meses de xaneiro ou febreiro de 2015. A zona de produción do leite apto para a elaboración dos queixos comercializados baixo a DOP San Simón da Costa está constituída pola área xeográfica da Terra Chá, que engloba aos concellos de Vilalba, Muras, Xermade, Abadín, Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Trátase dunha área cunha longa tradición na fabricación de queixos, onde o sector agropecuario e leiteiro constitúe supón unha parte moi importante na economía da zona. Un sector lácteo composto fundamentalmente por gando vacún das razas Rubia Galega, Pardo-Alpina, Frisona e dos diversos cruces destas. A D.O.P San Simón da Costa contou nos últimos anos co recoñecemento nacional e internacional da calidade do seu produto, recibindo numerosos premios. Cómpre lembrar neste senso que o queixo San Simón da Costa vén de ser recoñecido recentemente cunha medalla de prata e dúas de bronce nos premios World Cheese Awards. O labor desenvolvido pola D.O.P. San Simón da Costa coincide ademais cos obxectivos cos que naceu e que segue a defender o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, tales como o de contribuír de xeito decisivo á mellora da economía rural da Terra Chá da provincia de Lugo, así como á mellora da calidade de vida e do grao de benestar das persoas que viven e traballan nestas zonas. Candidaturas presentadas ao XV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural Entre as nove candidaturas presentadas á décimo quinta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural figuran, ademais da D.O.P San Simón da Costa, a empresa Pablo Núñez Torrijo, que se dedica á produción e comercialización de produtos agrícolas seguindo os métodos tradicionais e ecolóxicos en Pedrafita do Cebreiro. A outra empresa seleccionada foi Casa Grande de Xanceda. Creada en 2002, trátase dunha granxa familiar de vacas que producen leite ecolóxica. Ten unha fábrica de iogures e queixos e outros produtos lácteos ecolóxicos que comercializan baixo a súa propia marca. Vicogalo é unha sociedade cooperativa produtora de galo celta. Naceu no 2011 co obxectivo de asociar aos produtores inscritos no rexistro galego de explotacións de avicultura artesanal para garantir unha produción de galo celta para ser competitivos no mercado. Afammer Galicia (Asociación de familias e Mulleres do Medio Rural de Galicia) é outra das finalistas. Esta asociación foi creada no 2001 e está presente nas catro provincias galegas. O seu obxectivo é promover a mellora e defensa da vida económica, social e cultural das mulleres rurais con actividades. Tamén se presentaron tres proxectos de investigación: Un estudo de viabilidade da produción de semente pratense, a cargo de Delagro Sociedade Cooperativa, e elaborado por de Adrián Varela Pérez; o de Ramón Fuentes Colmeiro, que propón un modelo de explotación agrícola sostible, e o de Iolanda Otero Barroso, que investiga un sistema de control dos cultivos durante todas as súas fases de desenvolvemento. Premiados nas edicións anteriores Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro-labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010) e a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011). Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012) ou Alibós, que foi a gañadora da edición de 2013.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.12.2014.