Móstrase por primeira vez en España a colección Betty Tisinger de libros despregables
A colección Betty Tisinger de Libros Despregables celebra o Nadal e as vacacións de inverno en Compostela. Betty Tisinger é profesora emérita do Departamento de Educación Artística na Escola de Belas Artes da Virginia Commonwealth University. Ao longo de máis de 30 anos dedicouse a coleccionar libros despregables, especialmente aqueles que teñen que ver co Nadal, reunindo máis de 800 obras depositadas na sección de Arquivos e Coleccións especiais da Biblioteca ‘James Branch Cabell’, da Virginia Commonwealth University. Parte desa impresionante colección exponse por primeira vez en España, a través do proxecto campUSCulturae da USC e en dependencias da Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural (Colexio de Fonseca) que dito proxecto auspicia, co apoio da Culture Agency da EACEA. A mostra permanecerá aberta desde o 15 de decembro até o 26 de xaneiro de 2015. A inauguración da exposición será o luns 15 ás 11:45 horas coa asistencia do vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira; o alcalde de Santiago, Agustín Hernández; a directora da Biblioteca Universitaria da USC, Mabela Casal, e o coordinador de campUSCulturae, Xosé Antonio Neira. Actividades complementarias Co gallo da inauguración da mostra, campUSCulturae organiza tamén o luns 15 ás 12:15 horas unha conferencia sobre as orixes e tradicións do Nadal do antropólogo e profesor Xosé Ramón Mariño Ferro nas dependencias da Biblioteca. E ese mesmo día, ás 19.00, dará comezo a mesa redonda ‘O Nadal como experiencia interrelixiosa e intercultural’ que, moderada por Marga Pazos, contará coa participación do médico e presidente da Comunidade Musulmana de Galicia, Mustafá Alhendi; o profesor da Facultade de Filosofía da USC Francisco Conde Soto; o secretario diocesano de catequese na Arquidiócese de Santiago de Compostela, Miguel López Varela; e o ministro de culto evanxélico das Asembleas de Deus de España e responsable de educación do Consello Evanxélico de Galicia, David Rego Fernández.