Estudan en Historia as achegas que as diferentes ordes relixiosas realizaron ao patrimonio cultural
Ao longo da historia, desde as súas primeiras manifestacións ata o momento actual, as diferentes ordes relixiosas foron definindo un espazo cultural singular e único, pero tamén homoxéneo e coherente, dentro da xeografía patrimonial iberoamericana. Por esa razón, o Grupo de Investigación Iacobus da USC dedica a sétima edición do seu Simposium Opus Monasticorum ás achegas que as diferentes ordes relixiosas realizaron ao patrimonio cultural, indistintamente que estas sexan desde o punto de vista artístico, histórico, literario, musical, filosófico ou teolóxico. O congreso, que se desenvolve en Xeografía e Historia do 15 ao 17 de decembro coa participación de preto de cen asistentes, proponse como un punto de encontro e reflexión para diferentes especialistas que podan ofrecer unha nova mirada a este rico universo cultural creado en torno a ordes como os beneditinos, bernardos, franciscanos, dominicos ou xesuítas. O Opus Monasticorum VIII ‘Universos en orde. As ordes relixiosas e o patrimonio cultural iberoamericano’ inaugurouse este luns nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e ao que lle seguiu unha conferencia de José Manuel García Iglesias. Nas tres xornadas do simposio estudaranse a Regla de San Benito e de San Bernardo – unha das pezas claves para a interpretación do monacato na Península–; as dúas ordes mendicantes –f ranciscanos e dominicos- así como todas aquelas que derivan destas; a Compañía de Xesús e a súa íntima vinculación coa Contrarreforma, o seu carácter militante, a ampla difusión que tiveron os escritos de moitos dos seus membros e a súa influencia cultural e política; e outras ordes como os agustinos, xerónimos, ou cartuxos.