A Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural da USC acolle, por primeira vez en España, a colección Betty Tisinger de libros despregables
A colección Betty Tisinger de Libros Despregables celebra o Nadal e as vacacións de inverno en Compostela. Betty Tisinger é profesora emérita do Departamento de Educación Artística na Escola de Belas Artes da Virginia Commonwealth University. Ao longo de máis de 30 anos dedicouse a coleccionar libros despregables, especialmente aqueles que teñen que ver co Nadal, reunindo máis de 800 obras depositadas na sección de Arquivos e Coleccións especiais da Biblioteca ‘James Branch Cabell’, da Virginia Commonwealth University. Parte desa impresionante colección exponse por primeira vez en España, a través do proxecto campUSCulturae da USC e en dependencias da Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural (Colexio de Fonseca) que dito proxecto auspicia, co apoio da Culture Agency da EACEA. A mostra permanecerá aberta ata o 26 de xaneiro de 2015. A inauguración da exposición tivo lugar este luns coa asistencia do vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira; o alcalde de Santiago, Agustín Hernández; e o coordinador de campUSCulturae, Xosé Antonio Neira. Unha colección única Trátase dun percorrido polos libros despregables de Nadal desde mediados do século XIX até a actualidade. Un paseo no que é posible admirar as distintas técnicas utilizadas pola enxeñaría de papel: lapelas, pop-up, carruseis, miriñas, panoramas, transformacións, decoracións e efectos inusuais. Dentro desta exposición destacan algúns títulos importantes dos que non se ten coñecemento que existan máis exemplares. O caso máis notorio é o representado por Lidov Betlem, unha das escenas da natividade creadas orixinalmente en 1953 polo austrocheco Vojteck Kubasta (1914-1992), un dos máis destacados autores, ilustradores e deseñadores de libros despregables. Outra obra rara de Kubasta é Betlem Charita, publicado só en lingua checa en 1967 pola organización católica Cáritas, da entón aínda Checoslovaquia. Móstranse tamén unha serie de libros concibidos e deseñados como material de catequese con fins didácticas por parte da Igrexa católica e que empregan variedade de técnicas aplicables ás edicións en formato despregable. Estes libros, producidos entre 1955 y 1964, foron practicamente esquecidos até que tanto este conxunto como outros que forman parte da colección foron descubertos a finais dos anos 90 nun almacén de Hong Kong e distribuídos entre coleccionistas grazas á mediación dun mosteiro est-dounidense. A que aquí se presenta é unha das poucas series completas existentes. Destaca así mesmo o libro Dean & Sons Children Dancing Around the Christmas Tree. Até a descuberta deste volume, descoñecíase que Dean & Son tivesen publicado ningunha obra destas características, concretamente un libro túnel en miniatura. Actividades complementarias Co gallo da inauguración da mostra, campUSCulturae organizou tamén para este luns unha conferencia sobre as orixes e tradicións do Nadal do antropólogo e profesor Xosé Ramón Mariño Ferro nas dependencias da Biblioteca. E ás 19.00 horas dará comezo a mesa redonda ‘O Nadal como experiencia interrelixiosa e intercultural’ que, moderada por Marga Pazos, contará coa participación do médico e presidente da Comunidade Musulmana de Galicia, Mustafá Alhendi; o profesor da Facultade de Filosofía da USC Francisco Conde Soto; o secretario diocesano de catequese na Arquidiócese de Santiago de Compostela, Miguel López Varela; e o ministro de culto evanxélico das Asembleas de Deus de España e responsable de educación do Consello Evanxélico de Galicia, David Rego Fernández.