Pasar al contenido principal

Veterinaria rexeita a creación de 5 novas facultades en España porque “baixaría a calidade formativa e alentaría a precariedade”

Concentración celebrada este xoves diante da Facultade de Veterinaria de Lugo
Concentración celebrada este xoves diante da Facultade de Veterinaria de Lugo
Docentes e alumnos facultade luguesa participaron este xoves na concentración convocada pola Conferencia de Decanos de Veterinaria en toda España

Docentes e estudantes da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC participaron este xoves nas mobilizacións de protesta convocadas en toda España pola Conferencia de Decanos e Decanas de España para manifestar o seu rexeitamento á creación de cinco novas facultades en España, ao entender que a posta en funcionamento destes novos centros superiores de formación de veterinarios redundaría “nunha baixada da calidade da formación, ademais de afondar na precariedade do mercado laboral dos profesionais e aumentar o déficit dos centros universitarios”, tal e como manifestou o decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, Germán Santamarina, quen deu lectura a un manifesto conxunto elaborado pola Conferencia de Decanos e Decanas de Veterinaria de España (CDVE), órgano colexiado que agrupa todas as facultades do país (9 públicas e 3 privadas).

A concentración celebrada este xoves na entrada principal da Facultade de Veterinaria de Lugo congregou a máis de medio cento de persoas, entre docentes, estudantes e profesionais xa egresados. Asemade, tamén se sumaron á protesta outros docentes do campus de lugo, así como a presidenta do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, Ana López, e a presidenta da EAEVE e profesora na Facultade de Veterinaria de Lugo, Ana Bravo del Moral, ademais da deputada provincial delegada da Área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo. A CDVE advirte neste manifesto dos enormes riscos que reportará a apertura das cinco novas facultades de Veterinaria previstas en Madrid, Lérida, Valencia, Vitoria e Alacante, que elevarían de 12 a 17 as facultades xa existentes na actualidade, unha oferta que cualifican de sobredimensionada e que duplicaría e incluso triplicaría o número de facultades de Veterinaria existentes noutros países, tales como Reino Unido (5) ou Francia (4). A creación de máis facultades de Veterinaria danará seriamente os futuros profesionais, porque suporía unha perda do excelente nivel académico actual e que está avalado pola Unión Europea, sobredimensionaría a oferta nacional destes estudos, saturaría o mercado laboral disparando o paro e a precariedade laboral, ademais, de acentuar o déficit económico que soportan as universidades públicas españolas, recolle este comunicado elaborado pola CDVE Os proxectos de ampliación de facultades de Veterinaria en España xa previstos pasan por crear unha facultade pública na Universidade de Lleida para el curso 2015-2016; outra tamén pública na Universidade de Valencia para el curso 2016-2017, unha terceira pública de próxima apertura na Universidade do País Vasco, e dous centros privados en Alacante e Madrid. Solo se necesitan entre 4 e 7 facultades en España A CDVE advirte neste documento de que xa hai en España máis facultades de Veterinaria das que se precisan. Lembra neste senso que a European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) e a Federation of Veterinarians of Europe (FVE), que se encargan de que os estudos de Veterinaria en toda a UE cumpran uns estándares de calidade mínimos e homoxéneos, consideran que abonda cunha facultade por cada 7-10 millóns de habitantes para que un estado membro dispoña de bos servizos veterinarios. Para conservar este estándar, en España bastaría con ter entre 4 e 7 centros, un rango bastante inferior xa ás 12 actuais e, por suposto, moi lonxe das 14-17 que poderían existir en breve. A Conferencia de Decanos e Decanas de Veterinaria de España (CDVE) insiste asemade na singularidade do caso español, xa que España é, xunto con Portugal e Reino Unido, un dos poucos países da UE nos que hai facultades públicas e privadas. Daquela, de concretarse a iniciativa que propicia o total rexeitamento por parte da CDVE, ocorrería que en na Comunidade Valenciana habería 4 facultades: 3 privadas (CEU-Cardenal Herrera, San Vicente Mártir y Mare Nostrum) e unha pública (Universidade de Valencia); e na Comunidade de Madrid habería 3 facultades: unha pública (Complutense) e dúas privadas (Afonso X e Europea), unha situación que ven “rocambolesca”. Unha das carreiras máis custosas Outro dos problemas de calado para a CDVE refírese ao desembolso importante que require contar cunhas instalacións acordes aos estándares solicitados por la EAEVE para impartir Veterinaria: centros dotados de aulas, laboratorios, microaulas informáticas, salas de disección e necropsias, etc.; un hospital clínico veterinario aberto as 24 horas ao día os 365 días do ano; unha granxa docente veterinaria; una planta piloto de tecnoloxía de alimentos; un profesorado altamente cualificado. En total, unha inversión inicial duns 15 millóns de euros e un mantemento anual de entre 8 e 10 millóns. Na opinión da CDVE, segundo o manifesto ao que deu lectura en Lugo Germán Santamarina, “é evidente que as universidades públicas dificilmente pode afrontar estes gastos, xa que as matrículas cobren apenas un 10%-15% do orzamento, mentres que as universidades privadas optan polos recortes e a conseguinte perda de calidade docente e de formación para poder sufragar os gastos”. Máis graduados que empregos Cada ano gradúanse nas universidades españolas 1.200 estudantes de Veterinaria, unha cifra que duplica o os postos de traballo xerados no mesmo período de tempo. Esta sobre oferta de titulados provocou que o paro rexistrado na profesión pasara nos últimos anos de menos dun 6% a niveis preocupantes e condicións de traballo precarias e pouco dignas, reza o manifesto da CDVE. Con cinco centros máis a situación aínda sería máis insostible, engade a organización veterinaria. Ante esta situación, a Conferencia de Decanos e Decanas de Veterinaria de España solicita ás axencias encargadas de dar luz verde aos diferentes proxectos que non o fagan se non se constata que se conta coas infraestruturas e requisitos antes enumerados. Pide ademais ás autoridades autonómicas en materia de docencia universitaria que valoren a necesidade real dun novo centro e das súas repercusións económicas e urxe ao Consello Xeneral de Colexios de Veterinaria de España, que denuncie esta situación e loite racionalmente contra a apertura de novas facultades.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2014.