O responsable de Publicacións da USC asume a dirección de Unelibros
A nova xunta directiva da Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) elixida recentemente para o bienio 2014-16 encomendou ao director de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés, a dirección de Unelibros, o boletín semestral da asociación. En dúas entregas anuais de primavera e outono, Unelibros, que se edita en papel nunha tiraxe de 4.000 exemplares e en formato dixital aberto, achega ao sector editorial e á comunidade universitaria as novidades das 67 editoriais asociadas. Pero ademais contén a crónica das múltiples actividades e proxectos da UNE, entrevistas de actualidade, informes, reportaxes e páxinas de opinión sobre os máis diversos aspectos da edición universitaria no contexto contemporáneo. Fundada no ano 2000 coa intención de transmitir a elevada calidade das publicacións universitarias ao tempo de prestixiar a edición universitaria perante a sociedade, Unelibros chegou a converterse nestes quince anos no «buque-insignia» da UNE. Sobre esta sólida traxectoria, a intención do novo director é “repensar” a forma, obxecto e alcance do boletín, “non porque teña deixado de cumprir a súa función inicial, senón, ben en troques, porque se pode e se debe mellorar, nun momento, sobre todo, de mudanzas profundas nos deseños e nos modos de difusión dos produtos promocionais e informativos”.