Pasar al contenido principal

Estudantes de máis de vinte nacionalidades chegan a Santiago para aprender lingua e cultura española

O Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, acolleu a inauguración oficial dos cursos de verán organizados por Cursos Internacionais da USC S.L. O acto estivo presidido polo vicerreitor de Internacionalización, Carlos Salgado, e nel interviron a xerenta da empresa `Cursos Internacionais´, Lanzada Calatayud, e a directora de Promoción da Axencia de Turismo da Xunta, Carmen Pita. A conferencia inaugural correu a cargo de Uxía Senlle que, acompañada de Narf, falou da cultura de Galicia a través da música. Dende hoxe e ao longo de todo o verán preto de seiscentos estudantes de mais de vinte países viaxarán ata a capital galega para recibir aulas de lingua española. Entre eles destacan un grupo numeroso procedente de Estados Unidos, ademais de Brasil, Arabia Saudí, Xapón, China, Tailandia, Vietnam, India, Bangladesh, Alemaña, Inglaterra, Arxelia, Turquía, Palestina, Lituania, Catar ou Corea. Os estudantes, que estarán en Galicia unhas catro semanas, recibirán clases sobre lingua española pero tamén sobre cultura española e galega e terán a oportunidade de percorrer diversos lugares da xeografía galega como A Coruña, Betanzos, Lugo, o Parque Nacional das Illas Atlánticas, Arousa Norte e algún tramo do Camiño de Santiago. Aumento do estudantado do Este As responsables de Cursos Internacionais salientan o incremento de estudantes de Oriente Medio e a captación de novos grupos procedentes de universidades coreanas, xaponesas, chinesas, vietnamitas e tailandesas, así como a implementación dun grupo novo, Brasilia Sem Fronteiras, un programa que organiza CI-USC para o Goberno Federal do Distrito de Brasilia que traerá a cen persoas durante o mes de agosto en colaboración co Plan Xacobeo e a Axencia de Turismo da Xunta de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.07.2014.