Pasar al contenido principal

Un estudo sobre a calidade do aire en Galicia sinala que a maioría dos galegos non é consciente da importancia das árbores

Marta López, Sonwane Nandkishor e Marta Miranda, nun laboratorio da Facultade de Veterinaria
Marta López, Sonwane Nandkishor e Marta Miranda, nun laboratorio da Facultade de Veterinaria
A investigación apunta o tráfico e a industria como principais axentes contaminantes e recolle a demanda social dunha normativa especial sobre protección de árbores

Un estudo sobre o impacto de contaminación atmosférica e contaminación do aire en Galicia revela que a maioría dos galegos/as non é consciente do importante cometido que desenvolven as árbores para evitar ou cando menos reducir os efectos adversos dos procesos de contaminación ambiental, pero si demandan normativas especiais en materia de protección das árbores.

As conclusións preliminares desta investigación, realizada polo investigador da universidade GGS IP University, da India, Sonwane Nandkishor, baséanse nos resultados obtidos nas decenas de enquisas feitas a cidadáns/ás lugueses/as nas primeiras semanas do mes de xullo. O cuestionario realizado por Sonwane Nandkishor, un investigador da GGS IP University de India que está a completar unha estadía na Facultade de Veterinaria de Lugo a través dun programa de excelencia investigadora (USC-INDIA PEIN), inclúe preguntas relativas á calidade do aire, así como sobre as principais fontes de contaminación atmosférica en Galicia, as enfermidades causadas pola contaminación do aire, a importancia das árbores, o obxecto e as preferencias para a súa plantación, a educación ambiental e, entre outras, a conveniencia ou non de normas especiais en materia de protección de árbores. Os efectos adversos da contaminación son recoñecidos por toda a poboación, que apunta os automóbiles e as industrias como actuais ameazas que deterioran a boa calidade do medio ambiente en Galicia, segundo se desprende dun estudo que cuantifica como baixo o número de persoas afectadas de enfermidades respiratorias ou de pel propiciadas pola contaminación do aire ou do medio ambiente. A maioría das persoas consultadas opina que as árbores deben plantarse para reducir e regular a contaminación, ao tempo que descarta a necesidade dunha formación especial sobre árbores. A gran maioría dos enquisados/as di que plantou dez ou máis árbores e recoñece que a súa plantación mellora o hábitat, a calidade do aire e das augas, mellora a imaxe da contorna e tamén aumenta o valor da propiedade.

As vantaxes medioambientais asociadas ás plantacións arbóreas non espertan ningún tipo de dúbida entre os/as enquisados/as, que, sen embargo, agardan e/ou demandan a axuda das administracións públicas para vivir nunha contorna mellor e máis saudable, segundo conclúe Sonwane Nandkishor nunha investigación que está a desenvolver baixo a supervisión das profesoras do Departamento de Patoloxía Animal da USC Marta Miranda Castañón e Marta López Alonso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.07.2014.