Pasar al contenido principal

A profesora Pilar Bermejo tomará posesión como decana de Química

A profesora Pilar Bermejo tomará posesión este martes 22 como decana da Facultade de Química nun acto presidido polo reitor Juan Viaño. Logo das eleccións celebradas no centro o pasado mes de maio, Pilar Bermejo converteuse na primeira muller que ocupa o decanato desta Facultade. O acto protocolario comezará ás 14.00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. No seu programa de goberno, a profesora Bermejo sinala como obxectivos para os vindeiros anos a promoción da internacionalización e da interdisciplinariedade para a posta en valor do centro, así como mellorar a dotación e o aproveitamento dos recursos xa existentes. Tamén se propón intensificar as relacións entre docencia e investigación en todos os ámbitos e propiciar un goberno participativo, cercano e transparente. Completarán o equipo de dirección o profesor do Departamento de Química Física Pedro Rodríguez Dafonte como vicedecano e o profesor Jesús Sanmartín Matalobos do de Química Inorgánica como secretario. Catedrática de Química Analítica dende 1991, Pilar Bermejo desenvolve o seu labor docente na USC dende 1978. Foi vicedecana desta Facultade entre 1980 e 1990 e dirixiu o Departamento de Química Analítica entre 1998 e 2006. Ademais, coordinou o programa piloto ECTS na área de Química entre 1990 e 1996 e a rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) participando no intercambio de máis dun centenar de estudantes entre diferentes universidades europeas e de Estados Unidos e Canadá, nestes últimos países a través do programa TASSEP.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.07.2014.