Pasar al contenido principal

As décimas Xornadas para Novos Investigadores en Neurociencia celébranse este martes en Psicoloxía

A décima edición das Xornadas para Novos Investigadores en Neurociencia celebraranse este martes 22 na Facultade de Psicoloxía da USC, como cada ano, no marco do Máster Interuniversitario en Neurociencia que organizan as tres universidades galegas. Este encontro pretende crear o marco idóneo para que as persoas que se incorporan á actividade investigadora poidan discutir con investigadores sénior os proxectos e resultados dos seus traballos de investigación. Cun marcado carácter interdisciplinar, as xornadas contan con 26 comunicacións orais e outras 17 en formato póster, distribuídas en sesións dedicadas á neurobioloxía, neurofisioloxía, neurobioloxía médica, psicobioloxía, cerebro e computación e psiquiatría. As sesións orais correspóndense cos actos de defensa dos Traballos Fin de Máster do alumnado deste posgrao. Ademais, o investigador do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, Roberto C. Agís-Balboa pronunciará a conferencia inaugural da xornada, dedicada ao tema ‘Epixenética e enfermidades cognitivas’. O acto de presentación das xornadas terá lugar ás 9.45 horas no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía, coa presenza da vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; da decana do centro Socorro Rodríguez Holguín; do presidente do comité organizador, Fernando Cadaveira Mahía; e de Mª Celina Rodicio Rodicio e Mª Jesús Manso Revilla, como coordinadores do Máster en representación das universidades de Santiago e A Coruña, e de José Antonio Lamas Castro, en representación de UVigo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.07.2014.