Pasar al contenido principal

A profesora Pilar Bermejo tomou posesión como decana de Química

O reitor aplaude a intervención da decana Pilar Bermejo (Foto: Santi Alvite)
O reitor aplaude a intervención da decana Pilar Bermejo (Foto: Santi Alvite)

O acto protocolario de toma de posesión da profesora Pilar Bermejo Barrera como decana da Facultade de Química celebrado este martes en San Xerome marca o inicio dun período de catro anos nos que pretende desenvolver un “proxecto de renovación e actualización do centro” e que terá entre os seus obxectivos acadar “un goberno participativo, cercano e transparente, que escoite a todos os membros do centro”. No seu programa de goberno, a profesora Bermejo sinala como obxectivos para os vindeiros anos a promoción da internacionalización e da interdisciplinariedade para a posta en valor do centro, así como mellorar a dotación e o aproveitamento dos recursos xa existentes. Tamén se propón intensificar as relacións entre docencia e investigación en todos os ámbitos e propiciar un goberno participativo, cercano e transparente. Completarán o equipo de dirección o profesor do Departamento de Química Física Pedro Rodríguez Dafonte como vicedecano e o profesor Jesús Sanmartín Matalobos do de Química Inorgánica como secretario. En conxunto, a profesora Bermejo aspira “a traballar a reo por unha facultade viva, prestixiosa, innovadora e emprendedora, con visión de futuro e que contribúa á formación integral do alumnado, nun entorno saudable, unha facultade comprometida coa sociedade e cunha forte proxección internacional”. As súas palabras no acto protocolario de toma de posesión reivindicaron a Química como “ciencia central, como unha forza motriz que inflúe significativamente nas outras disciplinas científicas así como nos sectores tecnolóxico e industrial”. Na súa resposta, o reitor Juan Viaño salientou a importancia da Facultade de Química, un “ centro que sempre estivo á vangarda do coñecemento”, o que lle permite ser unha referencia da especialidade tanto en España como en Europa. O reitor tamén salientou o atractivo da oferta de grao en Química na que solicitaron a preinscrición preto de 600 novos estudantes, o que da conta do atractivo social da titulación segundo Viaño. O reitor reiterou o seu compromiso de cooperación co novo equipo decanal para, entre outros cometidos, crear un ecosistema óptimo para que a química siga sendo un elemento estratéxico da USC e consolidando a Facultade como a referencia internacional que é. Currículo Catedrática de Química Analítica dende 1991, Pilar Bermejo desenvolve o seu labor docente na USC dende 1978. Foi vicedecana desta Facultade entre 1980 e 1990 e dirixiu o Departamento de Química Analítica entre 1998 e 2006. Ademais, coordinou o programa piloto ECTS na área de Química entre 1990 e 1996 e a rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) participando no intercambio de máis dun centenar de estudantes entre diferentes universidades europeas e de Estados Unidos e Canadá, nestes últimos países a través do programa TASSEP. Pertence a numerosas sociedades científicas, como a Real Sociedade Española de Química, a Sociedade Española de Química Analítica, a Sociedade de Espectroscopía Aplicada ou a Sociedade Española de Bioquímica Clínica e Patoloxía Molecular. Ademais é fellow da Royal Chemistry Society (UK), da American Chemical Society (USA) e da Federation European of Trace Elements and Minerals. Dirixe o grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación da USC. As principais liñas de investigación deste grupo son o desenvolvemento de metodoloxía analítica para o estudo dos elementos traza en medios biolóxicos e ambientais, estudos de Especiación, Metalómica e Metaloproteómica, así como estudos de Biodispoñibilidade. Nestas liñas publicou mais de 300 traballos de investigación, dirixiu 30 teses de doutoramento e máis de 25 proxectos de investigación, así como diferentes contratos con empresas. O novo equipo decanal con membros do Consello de Dirección da USC (Foto: Santi Alvite)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.07.2014.