O alumnado de último curso de Educación Social recibe unha charla participativa sobre orientación laboral
O persoal da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC impartirá este martes 2 de decembro unha charla participativa ao alumnado de 4º curso de Educación Social dentro da materia de ‘ Inserción Laboral e Formación Continua dos Profesionais da Educación Social’. A charla desenvolverase en colaboración coa profesora Cristina Ceinos Sanz, responsable da materia neste momento. Esta actividade pretende proporcionar ao alumnado de último ano de estudos universitarios, información sobre as diferentes alternativas que teñen unha vez finalizado o grado. Entre outros aspectos, falarase sobre os programas de prácticas de iniciación á empresa, a busca activa de emprego, as posibilidades de especialización e o emprego público como opción profesional. A Área de Orientación Laboral e Emprego da USC participa todos os anos coa Facultade de Ciencias da Educación para ofrecer aos seus estudantes recursos e información cos que se podan achegar ao mercado laboral con maiores posibilidades de éxito.