Pasar al contenido principal

A Sociedade Española da Ciencia do Solo achégase á xeografía nunhas xornadas na USC

As xornadas ‘Solo, territorio e paisaxe’, enfocadas cara á relación da Ciencia do Solo coa Xeografía, celebráronse na Facultade de Filosofía. Foto: Alfonso-Servimav
As xornadas ‘Solo, territorio e paisaxe’, enfocadas cara á relación da Ciencia do Solo coa Xeografía, celebráronse na Facultade de Filosofía. Foto: Alfonso-Servimav

A Delegación territorial de Galicia da Sociedade Española da Ciencia do Solo (SECS) desenvolveu este xoves en Santiago as xornadas ‘Solo, territorio e paisaxe’, enfocadas cara á relación da Ciencia do Solo coa Xeografía. Continuando a liña iniciada o pasado ano, no que estas xornadas se dedicaron á Química do Solo, preténdese achegar a edafoloxía a outras áreas de coñecemento coas que ten estreita afinidade, favorecendo o contacto entre persoal investigador e alumnado de ambas especialidades. Inauguradas pola vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, as conferencias públicas desenvolvéronse pola mañá no salón de Actos da Facultade de Filosofía, completándose a xornada pola tarde cunha explicación do módulo de solos que se expón no Museo de Historia Natural Luis iglesias da USC. Entre os relatores participaron o catedrático da USC Eduardo García-Rodeja Gayoso, director do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola; o coordinador da plataforma tecnolóxica do Laboratorio de Paisaxe, Paleoambiente e Patrimonio (USC-CSIC), Antonio Martínez Cortizas; o profesor de Valencia Artemi Cerdá, presidente da Soil System Sciences Division da European Geosciences Union (EGU) e ex coordinador da rede temática Fuegored para o estudo do efecto sobre os solos dos incendios forestais; e o investigador da USC Roxelio Pérez Moreira, especializado no solo como elemento da paisaxe e dos valores e interpretacións culturais deste.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.01.2013.