Pasar al contenido principal

Presentan na USC os últimos resultados do estudo que analiza como as rexións europeas responden á Estratexia EU2020

Liderada pola USC, a investigación busca proporcionar datos sobre o territorio para identificar oportunidades para os diferentes tipos de rexións que lles axuden a saír da crise

Os participantes no proxecto europeo SIESTA desenvolven na tarde deste xoves 31 en Santiago un seminario para dar a coñecer os principais resultados do estudo que trata de ilustrar a dimensión territorial das rexións de Europa no eido da estratexia EU2020. Os xeógrafos e expertos territoriais do grupo de investigación Análise Territorial da USC (ANTE) son os encargados de coordinar, co profesor Rubén Lois á fronte, o equipo europeo que está a elaborar o atlas das rexións da UE fronte á Estratexia 2020 que a Comisión Europea deseñou en 2010 como plan xeral para a saída da crise aplicable ao conxunto dos países comunitarios. Identificar oportunidades O principal obxectivo do proxecto é apoiar políticas en relación coa cohesión territorial e o desenvolvemento harmonioso do territorio europeo. En concreto, busca proporcionar datos evidentes sobre o territorio para a identificación de oportunidades para os diferentes tipos das rexións en relación cos obxectivos e as iniciativas emblemáticas que figuran na Estratexia europea. Trátase, en definitiva, de que os resultados sexan útiles para quen formule políticas en diversas escalas (especialmente no ámbito rexional e local) no proceso de planificación e identificación de intervencións territoriais. O proxecto involucra a outros sete socios académicos e de investigación de seis países diferentes de Europa: Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Polonia e Romanía. SIESTA -Indicadores espaciais para unha Estratexia Europa 2020; Análise Territorial- e está financiado pola Unión Europea no marco de ESPON, a Rede de Observación Europea de Desenvolvemento Territorial e Cohesión. A xornada O seminario dará comezo ás 17.30 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Xeografía e Historia coa intervención do propio Rubén Lois, que introducirá ás persoas asistentes no desenvolvemento xeral do estudo. A continuación Valerià Paül explicará Europa 2020 como a estratexia de crecemento da UE e Carlos Macía, Alejandra Feal e María José Piñeira desgranarán os resultados referidos a crecemento intelixente, sostible e integrador, respectivamente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2013.