Pasar al contenido principal

O profesor Carlos Diéguez recolleu o Premio Novoa Santos de Investigación

Carlos Diégues, terceiro pola esquerda, xunto ás autoridades que asistiron ao acto de entrega. Foto: Santi Alvite
Carlos Diégues, terceiro pola esquerda, xunto ás autoridades que asistiron ao acto de entrega. Foto: Santi Alvite

O catedrático de Fisioloxía da Universidade de Santiago Carlos Diéguez recolleu este xoves 2 o Premio Nóvoa Santos de Investigación na súa décimo sétima edición. A entrega desenvolveuse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto ao que tamén acudiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o reitor Juan Casares. O premio recaeu no docente da USC en recoñecemento á súa “excepcional traxectoria científica e académica”. Convocado pola Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e patrocinado pola Fundación Uniteco Profesional, é hoxe un dos máis importantes de España tanto pola súa dotación económica como pola traxectoria das persoas premiadas. Neste sentido, Diéguez ten no seu haber profesional 11 proxectos europeos, 453 publicacións científicas en revistas de máxima relevancia, 29 teses doutorais dirixidas e un índice H de 69, entre outros moitos méritos. O xurado do premio desta edición destaca ademais a capacidade de liderado do catedrático da USC, que o levou a ocupar o cargo de director do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago e na actualidade do Centro de Investigación de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS). Asomega, a punto de cumprir os 20 anos de existencia, naceu da man dun grupo de médicos vinculados á Universidade de Santiago para favorecer as relacións entre as tres universidades galegas no ámbito da investigación. Ademais do premio Novoa Santos, a asociación entrega anualmente bolsas de intercambio científico para novos investigadores, preferiblemente de América Latina, e axudas para médicos galegos que queiran levar a cabo proxectos en distintos puntos de España.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.04.2013.