Pasar al contenido principal

Os investigadores en comunicación lembran a importancia dos medios públicos como garantes do desenvolvemento e a democracia

O profesor da Universidade de Guadalajara Guillermo Orozco advirte ante o emprego dos reality televisivos como plataforma de propaganda política

Os máis de 500 investigadores de diferentes países reunidos estes días na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Compostela advirten do perigo da concentración de medios e defenden a titularidade pública dos medios de comunicación como garantes da democracia e o desenvolvemento, pero sempre que se aloxen da tendencia ao patrimonialismo dos gobernos. Enrique Bustamante incidiu este xoves nos perigos dos recortes e no empobrecemento das políticas culturais e comunicacionais. O catedrático da Complutense criticou a estratexia do mecenado, núcleo do discurso político na actualidade, “porque desemboca na mercantilización da cultura e da comunicación”. Reclamou unha maior colaboración entre investigadores e profesionais para conseguir un equilibrio nas esferas de poder actuais e cualificou a situación da comunicación en España de “ dramática” tras a diminución de financiamento dos medios públicos e para a cultura, afectada polo incremento do IVE. Estas declaracións fíxoas na mesa ‘Comunicación, servizo público e esferas de poder’, na que o profesor e investigador da Universidade Nacional Autónoma de México Raúl Trejo resaltou que “o servizo público na radiodifusión é requirimento da sociedade, responsabilidade do Estado e fonte de contrapesos indispensable fronte ao modelo fundamentalmente comercial que domina o panorama nos medios nos nosos países”. Trejo apuntou nove condicións para que eses medios públicos potencien un debate cidadán e democrático: autonomía, transparencia, calidade, control real da sociedade, necesidade de produción propia, uso operativo do entorno dixital, financiamnto e códigos deontolóxicos que potencien un auténtico diálogo democrático e pluralista. Dereito do cidadán á recepción Durante as dúas sesións plenarias o profesor da Universidade de Guadalajara Guillermo Orozco falou da urxencia de definir e consensuar un novo conxunto de “dereitos cidadáns á recepción das teleaudiencias”, que se complemente e contrapese cos xa existentes dereitos á libre expresión de todos e a libre emisión por parte dos medios. Orozco, doutor pola Universidade de Harvard e catedrático de Ciencias da Comunicación, advirte do risco da propaganda política disfrazada nos reality televisivos como escenarios para a inclusión de propaganda política dende as esferas do poder. Programa do venres O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, disertará este venres 31 sobre o 50 aniversario do Día Das Letras Galegas, con especial fincapé no período da ditadura e na época postfranquista e analizando os factores que fixeron que en cada época se resalte a un ou outros escritores ou escritoras. Nunha mesa dedicada ao galego nos medios de comunicación, Rosario Álvarez, ex directora do Instituto da Lingua Galega, avaliará trinta anos de regulamento na Lei de Normalización Lingüística do emprego do galego nos medios así como o estándar hai 30 anos, naquel ambiente de segundo rexurdimento, e ao modelo de lingua empregado actualmente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.05.2013.