Pasar al contenido principal

Presentación do número 11 da revista Quintana

Este novo número, que marca o cambio de dirección da profesora Marisa Sobrino ao profesor Alfredo Vigo, estará dedicado ao tema ‘Arte, natureza e paisaxe’

A revista do Departamento de Historia da Arte da USC Quintana presentará este mércores 18 o seu número 11 dedicado ao tema ‘Arte, natureza e paisaxe’. A partir das 12.00 horas na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia, na presentación intervirán o decano deste centro, Juan Monterroso; o director da publicación, Alfredo Vigo; o director do Departamento de Historia da Arte, Enrique Fernández Castiñeiras; o director do Servizo de Publicación, Juan Blanco; e a ex directora da revista, Marisa Sobrino, ademais dun representante da Deputación da Coruña. Editada dende o ano 2002 baixo a dirección da catedrática Marisa Sobrino, o novo número Quintana estrea unha nova etapa baixo a dirección do tamén catedrático de Historia da Arte Alfredo Vigo Trasancos. Como ben sucedendo dende a súa orixe, esta revista aborda un tema de xeito monográfico encargado a destacados especialistas internacionais e unha sección de colaboracións de tema libre, na que se ten incrementado de xeito destacado a achega de investigadores/as de universidades de toda España e tamén de Iberoamérica. A revista acolle publicacións de investigacións orixinais sobre calquera das especialidades relativas ao campo das artes, incluídas a música e o cine. Ademais, potenciou as aproximacións interdisciplinares que enriquecen o estudo da historia da arte en ámbitos como a literatura, a xeografía ou a historia cultural. Quintana está incluída no índice de revistas científicas de Humanidades Redalyc, no listado de revistas científicas de Humanidades promovida pola European Science Foundation, índice ERIH, ademais de que entre as revistas de arte de España é a única publicación xunto con Archivo Español de Arte do CSIC que cumpre todos os requisitos de calidade de Latindex. Igualmente, dende 2011 está aceptada para o seu ingreso na base de datos Scopus de Elsevier.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2013.