Pasar al contenido principal

O reitor da USC inaugura a mostra ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade’ na Deputación de Lugo

A exposición, que afonda na figura e na pegada científica do pai da Química moderna galega, estará aberta desde o mércores ata o 15 de marzo no Pazo de San Marcos

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, inaugurará o mércores, a partir das 20.00 horas, na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo, a exposición ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade’, unha mostra que pretende amosar e descubrir a figura e o legado científico do considerado pai da Química moderna en Galicia e que poderá visitarse en Lugo ata o 15 de marzo no Pazo de San Marcos. A exposición ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade’, deseñada por unha comisión de profesores da Universidade de Santiago de Compostela co gallo da conmemoración do 200 aniversario do nacemento do químico nado en Monforte de Lemos en 1812, chega a Lugo logo de permanecer aberta ao público durante dous meses no compostelán Colexio de Fonseca. Cronoloxicamente a mostra parte das súas orixes en Monforte de Lemos para logo trasladarse, como estudante universitario, a Valladolid e máis tarde ao Colexio de San Fernando de Madrid. Continúa o percorrido pola súa faceta como docente prestando especial atención ao seu relevante papel como tradutor e autor de numerosos libros. A figura de Antonio Casares como importante persoeiro na vida institucional da Universidade (decano de Filosofía, de Farmacia e finalmente reitor entre 1872 a 1888) e como promotor da colaboración interdisciplinar a través da revista da Academia, primeira publicación de carácter científico en Galicia, son outros aspectos destacados na mostra. A farmacia, a familia (xefe de saga) e o seu entronque coa burguesía da cidade do XIX, que emparenta con outras familias daquela, ocupa tamén un espazo da exposición que desemboca no legado que deixou a través dos seus discípulos. A mostra complétase coa contribución científica de Casares, tanto a orixinal no eido da química como aqueles noutros campos aos que prestou atención. Así, mostrarase material relacionado co seu labor analítico en campos como a espectroscopía, a análise de augas e viños; cos anestésicos; os ditames periciais; o descubrimento dos minerais Morenosita e Zaratita; a experiencia da luz eléctrica (foi o primeiro que xerou luz eléctrica en España, nun experimento realizado no claustro da Facultade de Xeografía e Historia) ou a estación meteorolóxica (montou o primeiro observatorio meteorolóxico de Galicia), entre outros. Os diversos apartados da exposición confórmanse co material doado para a ocasión polos diversos centros da Universidade compostelá pero tamén por museos e organismos espallados por toda Galicia que dan conta da vida e obra dun científico comprometido coa sociedade da época na que vivía.

A mostra ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade’, que será inaugurada polo reitor da USC e neto do homenaxeado, e polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga Outeiro, constitúe o cerne do programa de actos deseñado no marco do ‘Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012)’. Este ciclo, co que a Universidade de Santiago de Compostela rende homenaxe ao que tamén fora seu reitor, rematará o 26 de abril, coincidindo co 125 cabodano do seu pasamento, coa presentación do libro Ano Casares, unha recompilación das actividades e conferencias realizadas ao longo de todo o curso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.01.2013.