Pasar al contenido principal

O proxecto europeo AQUAENVEC no que participa a USC estuda en Santiago como optimizar o ciclo da auga urbana dos concellos

Os integrantes do proxecto reuníronse na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Foto: Alfonso-Servimav
Os integrantes do proxecto reuníronse na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Foto: Alfonso-Servimav
A investigación conta cun financiamento de millón e medio de euros

Os grupos integrantes do proxecto europeo LIFE ‘Assessment and improvement of the urban water cycle eco-efficiency using LCA and LCC’ (AQUAENVEC) centrado no estudo tecnolóxico, económico e ambiental do ciclo da auga urbana reuníronse este venres na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. En concreto, investigan as fases de captación, potabilización, redes de sumidoiro, tratamento e vertedura. O obxectivo final do proxecto, cun financiamento de millón e medio de euros, é dotar aos concellos dunha ferramenta multicriterio que lles permita optimizar o ciclo da auga na procura da sustentabilidade. Os casos modelo de estudo inclúen tanto municipios da zona atlántica (Betanzos, por exemplo) como da mediterránea (Callafel). O proxecto coordínao a Fundación CETaqua do Grupo AGBAR (Barcelona) coa participación de 30 investigadores e técnicos das Universidades de Santiago de Compostela, Autónoma de Barcelona e Valencia e de Aquagest. Na USC a coordinación recae no profesor Gumersindo Feijoo, do Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química. Eco eficiencia do ciclo urbano Dado que o 80% da cidadanía europea vive nas zonas urbanas, as cidades son a clave para a sustentabilidade do medio ambiente. Nese contexto, e coa lexislación vixente, a Estratexia Europa 2020 é un elemento crucial que tratará de reducir nun 20% as emisións de gases de efecto invernadoiro e o consumo de enerxía. Enmarcado nisto, o ciclo urbano da auga tamén debe limitar o seu impacto ambiental –asociado ao consumo de enerxía, uso de produtos químicos e xeración de residuos– á vez que debe proporcionar un subministro fiable de auga potable. Como resposta a este desafío, o proxecto AQUAENVEC propón –co horizonte no ano 2014– combinar a avaliación ambiental e a análise do impacto económico nun amplo estudo da eco eficiencia do ciclo urbano da auga. O Biogrup O grupo Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC (Biogrup) desenvolve na actualidade actividades de investigación en cinco programas diferentes, tres deles financiados pola Unión Europea. As súas liñas de estudo céntranse na aplicación de fungos e as súas enzimas para a degradación de compostos, no desenvolvemento e control das tecnoloxías para o tratamento de augas residuais, na xestión ambiental como a Avaliación do Ciclo de Vida e a pegada de carbono ou o tratamento biolóxico dos compostos orgánicos volátiles nas emisións de gases.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.01.2013.