O Gis-T organiza un curso de perfeccionamento en habilidades informacionais para docentes
O grupo Gis-T organiza un curso de perfeccionamento en ‘Habilidades Informacionais para docentes’ co obxecto de destacar a importancia do correcto tratamento da información no proceso de aprendizaxe do alumnado nos diferentes niveis educativos. As persoas interesadas poderán formalizar a súa preinscrición ata o próximo día 15 de xaneiro, mentres que a matrícula deberá realizarse entre os días 16 e 31 de xaneiro próximos. O curso desenvolverase ao longo de todo o mes de febreiro. As competencias informacionais son o conxunto de habilidades, aptitudes e coñecementos que capacitan aos individuos para recoñecer cando necesitan información, onde e como localizala, para avaliar a súa idoneidade e para saber darlle o uso adecuado de acordo coa necesidade que se lles suscita. Este curso pretende dotar aos formadores en xeral da capacidade para obter a información máis pertinente para satisfacer unha necesidade de información concreta. Do mesma xeito, representa un reto para os/as docentes, que poderán poñer en práctica novas metodoloxías de ensino e aprendizaxe que estimulen a adquisición destas competencias entre os seus estudantes e futuros graduados/as, co fin de converterse en factor clave para o desenvolvemento das súas futuras actividades profesionais. A metodoloxía de ensinanza será a distancia a partir da plataforma de formación en liña (Aula Virtual) do Gis-T Idega (www.gist.es). Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web deste grupo de investigación.