Pasar al contenido principal

A xornada de inserción laboral ‘Emprega-T’ citará o xoves máis de 140 persoas na Facultade de Humanidades

O vicerreitor do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurará este foro promovido pola Rede TIL e para o que aínda está aberta a matrícula

A xornada de inserción laboral ‘Emprega-T’, organizada pola Rede de Técnicos de Inserción Laboral de Lugo (TIL), un foro de encontro, traballo e discusión de entidades do terceiro sector do que forma parte a Universidade de Santiago de Compostela a través da Área de Orientación Laboral do campus de Lugo, congregará este xoves, no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo a máis de 140 asistentes, segundo se desprendo dos datos de matrícula.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, será inaugurará o xoves as xornadas ‘Emprega-T’ ás 10.00 horas, na Facultade de Humanidades, no transcurso dun acto no que tamén estará presente Yolanda López Pardo, compoñente da xunta directiva da Federación de Asociacións de Persoas xordas de Galicia (Faxpg), ademais da decana de Humanidades, María Isabel González Rey. O obxectivo deste foro, dirixido ás persoas que se atopan en busca de emprego, aos usuarios/as dos servizos de orientación laboral das entidades a Rede TIL (USC, Cáritas Diocesana de Lugo, Cogami, Cruz Roja, Fundación Secretariado Xitano, Down Lugo, Fademga-Feaps, FEAFES Galicia, FAXPG, Asfem e Afammer Galicia), así como ao estudantado do campus de Lugo, non é outro que de facilitar a súa inserción no mercado laboral. A técnica de Woman Emprende USC, Eva López, abrirá a quenda de relatorios cunha intervención sobre o emprendemento feminino universitario, á que seguirá outra charla de Iago Pérez Santalla sobre os límites para a atopar emprego. A Rede Eures e a importancia do coñecemento de linguas no mercado laboral europeo serán outros dos temas analizados nas xornadas ‘Emprega-T’, que, xa en quenda de tarde, incluirán unha mesa redonda sobre busca activa de emprego, na que que distintos relatores falarán sobre a planificación da carreira profesional, as ferramentas para a busca de emprego e as entrevistas de traballo. O subdirector do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) da Universidade de Santiago, o profesor do Departamento de Patoloxía Animal Manuel López Sández, será o encargado de pechar as xornadas ‘Emprega-T’ co relatorio ‘O Traballador 2.0’.

As persoas interesadas en participar neste foro, que se desenvolverá en quenda de mañá e tarde, desde as 10.00 ata as 19.30 horas, aínda poden inscribirse de xeito totalmente gratuíto en calquera das entidades que integran a Rede TIL e tamén na Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo, a través do número de teléfono 982823562 ou do enderezo de correo electrónico emprego.lugo. [at] usc.es (emprego[dot]lugo[dot][at]usc[dot]es).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2013.