Pasar al contenido principal

A USC e o Colexio Notarial de Galicia colaborarán en actividades de interese común

Juan Casares e María Isabel Louro asinaron o convenio en San Xerome (Foto: Alfonso. SERVIMAV)
Juan Casares e María Isabel Louro asinaron o convenio en San Xerome (Foto: Alfonso. SERVIMAV)

A Universidade de Santiago de Compostela e o Ilustre Colexio Notarial de Galicia colaborarán en diversas actividades de interese común en virtude do acordo marco asinado este mércores en San Xerome polo reitor Juan Casares e a decana do Colexio, María Isabel Louro. Este acordo confire continuidade institucional a unha longa traxectoria que se remonta a trinta anos atrás coas primeiras colaboracións de profesionais da notaría coa Cátedra de Dereito Civil da USC e que logo se estendeu ao terreo da investigación e a organización conxunta de cursos, como explicou a decana María Isabel Louro. O reitor Juan Casares manifestou o seu agradecemento a entidade colexial por manter e potenciar unha relación que forma parte xa dunha tradición en materia docente no ámbito do Dereito. Casares considera este convenio como unha vía “para seguir traballando coa vista posta na xeración de rendementos intanxibles e valor engadido para a sociedade”. En concreto, executarán programas e proxectos de investigación e desenvolvemento e de formación de persoal investigador e técnico, ademais de organizar actividades conxuntas relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico. Establécense tamén as bases para o asesoramento mutuo e a posibilidade de intercambio de persoal por tempo limitado. Para o normal desenvolvemento do acordo, que ten unha vixencia de dous anos, constitúese unha comisión mixta integrada polo reitor ou persoa na que delegue e a profesora Belén Trigo, en representación da USC, e a decana e Gonzalo Freire por parte do Colexio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.01.2013.