Pasar al contenido principal

Creatividade, flexibilidade e aprendizaxe autónoma son habilidades necesarias para atopar emprego, di García Herradón

Yolanda López Pardo, Pedro García Herradón e Isabel González, na apertura da xornada 'Emprega-T'
Yolanda López Pardo, Pedro García Herradón e Isabel González, na apertura da xornada 'Emprega-T'
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo apela a resistir á frustración na apertura da foro ‘Emprega-T’, que reúne a 140 asistentes na Facultade de Humanidades

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, sostén que “creatividade, iniciativa, innovación, flexibilidade, aprendizaxe autónoma e capacidade para procesar a múltiple información dispoñible son ferramentas imprescindibles para o éxito na busca de emprego”. García Herradón fixo estas declaracións na inauguración da xornada de inserción laboral ‘ Emprega-T’, organizada pola Rede de Técnicos de Inserción Laboral (TIL) e que congrega hoxe a 140 asistentes na Facultade de Humanidades do campus de Lugo.

García Herradón tildou de “alarmantes” as cifras de desempregados que arroxan os últimos datos da EPA, que sitúa a carón dos seis millóns o número de persoas que non ten traballo en España. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo recoñeceu así a dura realidade laboral do momento, aínda que apelou tamén a “resistir para non deixarse levar pola frustración”. García Herradón animou asemade aos asistentes á xornada ‘Emprega-T’ a aproveitar ao máximo as sesións programadas ao abeiro deste foro de inserción laboral, porque “hoxe hai que ir a buscar emprego, xa que na actual conxuntura económica ninguén nos vai ofrecer ningún traballo”. Ademais de incidir nas dificultades específicas do actual momento, García Herradón, salientou tamén as múltiples dificultades que presenta hoxe o acceso ao mercado laboral, no que “tanto non teñen cabida as persoas que carecen da formación demandada como as que están sobrademante formados para o desenvolvemento das tarefas que require o traballo”. A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, afondou tamén na importancia que teñen este tipo sesións formativas de cara a favorecer a inserción laboral, a tempo que fixo fincapé nas “especiais dificultades que teñen os colectivos vulnerables á hora de atopar un emprego” . A vocal da xunta directiva da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) Yolanda López Pardo, aproveitou a apertura deste foro, que contou con tradución simultánea á linguaxe de signos, para remarcar que o obxectivo deste tipo de actividades da Rede TIL, integrada por entidades do denominado terceiro sector (Cáritas Diocesana de Lugo, Cogami, Cruz Roja, Fundación Secretariado Xitano, Down Lugo, Fademga-Feaps, FEAFES Galicia, FAXPG, Asfem e Afammer Galicia) ás que tamén está adherida a USC a través da Área de Orientación Laboral do campus de Lugo, non é outro que o de mellorar a empregabilidade. Relatorios O técnico de Cogami Iago Pérez Santalla foi o encargado de abrir a quenda de relatorios de ‘ Emprega-T’ cunha charla baixo o título ‘O ilímite da empregabilidade’, na que o poñente, que é unha persoa que ten unha discapacidade, relatou a súa propia experiencia de superación persoal. A continuación, a técnica de Woman Emprende USC, Eva López, disertou sobre o emprendemento feminino universitario e dos programas postos en marcha polas USC para promover a empregabilidade das mulleres, dado que o estudantado universitario é maioritariamente feminino, comentou. A Rede Eures e a importancia do coñecemento de linguas no mercado laboral europeo serán outros dos temas analizados onte no marco das xornadas ‘Emprega-T’, que, xa en quenda de tarde, incluiron unha mesa redonda sobre busca activa de emprego, na que que distintos relatores falaron sobre a planificación da carreira profesional, as ferramentas para a busca de emprego e as entrevistas de traballo.

O subdirector do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) da Universidade de Santiago, o profesor do Departamento de Patoloxía Animal Manuel López Sández, pechou a xornada co relatorio ‘O Traballador 2.0’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.01.2013.