Pasar al contenido principal

O Ibader coordinará as actuacións feitas en Galicia ao abeiro do proxecto Life+Tremedal, dotado con 2,8 millóns de euros

De esquerda a dereita, Pedro García Herradón, Lara Méndez, Juan Casares, Ricardo García-Borregón, Antonio Rigueiro, Antonio Iglesias e Elvira López Mosquera
De esquerda a dereita, Pedro García Herradón, Lara Méndez, Juan Casares, Ricardo García-Borregón, Antonio Rigueiro, Antonio Iglesias e Elvira López Mosquera
O reitor da Universidade, Juan Casares Long, presentou en Lugo este proxecto europeo que prevé accións na Lagoa de Cospeito, nas Insuas de Rábade e no Lago dos Ollos de Begonte

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) coordinará as actuacións de mellora e conservación dos tipos de hábitats turbosos e higrófilos que levarán a cabo en Galicia no marco do Life+Tremedal (Humidais continentais do Norte da Península Ibérica: Xestión e restauración de turbeiras e medios higrófilos), un proxecto dotado con 2,8 millóns de euros, financiado nun 50% pola Comisión Europea e que contempla o desenvolvemento de diversas actuacións nun conxunto de humidais continentais do norte da Península Ibérica pertencentes á Rede Natura 2000, segundo avanzou o reitor da USC, Juan Casares, durante a presentación do Life+Tremedal na sede do Ibader, no campus de Lugo.

Este proxecto europeo contempla actuacións en tres humidais da provincia de Lugo, tales como son a Lagoa de Cospeito, as Insuas de Rábade e o Lago dos Ollos de Begonte, tres enclaves naturais cuxa titularidade corresponde á Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo, sinalou o reitor da USC.

Os labores deseñados teñen como obxectivo mellorar o estado de conservación e a capacidade de afrontar as condicións adversas dos tipos de hábitats turbosos e higrófilos no ámbito do proxecto. Para iso levaranse a cabo accións que mellorarán o nivel de coñecemento dos hábitats e especies de turbeira e medios higrófilos do norte peninsular. Ademais de desenvolver accións concretas de restauración e a posta en práctica de medidas de xestión tanto in-situ como ex situ de hábitats e especies de interese comunitario.

Os cinco socios que participan na execución do proxecto representan entidades cunha ampla experiencia no estudio, análise e xestión dos espazos naturais incluídos dentro da Rede Natura 2000. Todos eles contan co apoio das institucións que ostentan as competencias en materia ambiental, polo que o proxecto está avalado por institucións e entidades das comunidades autónomas de Navarra, País Vasco, Asturias, Castela e León, Cantabria e Galicia.

O grupo de investigación da Universidade de Santiago 1934- Territorio & Biodiversidade (Laboratorio de Botánica & Bioxeografía), adscrito ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do campus de Lugo, será o encargado de desenvolver as accións proxectadas en Galicia, contando co apoio e a colaboración da Dirección Xeral de Conservación de la Natureza (Xunta de Galicia) e da Deputación Provincial de Lugo.

A participación neste novo proxecto dará continuidade aos traballos que dende o ano 1997 a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e o GI-1934 TB da Universidade de Santiago de Compostela veñen desenvolvendo nos humidais da cunca alta do río Miño, e que deron lugar a proxectos como a restauración da Lagoa de Cospeito (1997-2000), o inventario e seguimento dos humidais de Galicia (2003), a declaración da Reserva de Biosfera de Terras do Miño (2002) e a execución das accións dun proxecto LIFE-Natureza entre os anos 2000 e 2005 (LIC Parga-Ladra-Támoga: Mellora de bosque inundable e lago distrófico). A execución destes proxectos constitúe a base sobre a que se articula o actual LIFE+ TREMEDAL dando así continuidade ás iniciativas emprendidas nas dúas últimas décadas.

Dacordo coas especificacións do programa LIFE+, no desenvolvemento do proxecto Tremedal están implicadas 6 entidades públicas: Xestión Ambiental de Navarra SA (GAN), quen desenvolverá as distintas accións de coordinación; IBADER - Universidade de Santiago de Compostela (Galicia); INDUROT - Universidade de Oviedo (Asturias); Deputación Foral de Álava (País Vasco), IHOBE - Goberno Vasco (País Vasco) e o Consorcio do Parque Nacional de Picos de Europa (Asturias, Cantabria, Castela e León).

Escenarios de actuación e obxectivos do proxecto

Os tipos de hábitats abranguidos polo proxecto inclúen, distintos hábitats de turbeira (turbeiras de cobertor, turbeiras altas, turbeiras baixas, etc), así como de medios higrófilos (bosques pantanosos, queirogais húmidos, prados húmidos, etc). Entre estes hábitats atópanse ecosistemas que foron designados pola Unión Europea como “hábitats prioritarios” e que requiren medidas concretas de conservación, protección e seguimento.

Estes hábitats subministran ademais servizos ecolóxicos básicos, estando implicado na regulación dos sumidoiros de carbono, no mantemento e calidade de acuíferos, así como na provisión de pasto para as explotacións gandeiras extensivas

O obxectivo xeral do proxecto é mellorar o estado de conservación dos tipos de hábitats turbosos e higrófilos. Isto levarase a cabo mediante a restauración e a posta en práctica de medidas de xestión dirixidas a paliar as diferentes causas que contribúen á degradación dos hábitats abranguidos polo proxecto:

1. Levar a cabo actuacións de restauración que inclúen entre outras, medidas de corrección hidrolóxica e topográfica, recuperación de especies ameazadas ou a instalación de infraestruturas de xestión gandeira.

2. Desenvolver medidas para favorecer a sostibilidade dos resultados das accións de restauración e asegurar a conservación no tempo dos hábitats e especies obxecto do proxecto.

3. Dispoñer de información actualizada e homoxénea para a Rexión Bioxeográfica Atlántica da Península Ibérica e a súa zona de transición sobre a presenza e distribución, así como tipificación e caracterización dos hábitats de turbeira.

4. Aumentar o coñecemento sobre a forma de xestionar e restaurar este tipo de hábitats, tanto a nivel dos socios, coma a nivel nacional e da Unión Europea.

5. Informar e sensibilizar ao público en xeral sobre valores e servizos ambientais que proporcionan os humidais continentais en xeral e os hábitats de turbeira e medios higrófilos en particular.

Desta forma LIFE+ TREMEDAL sentará as bases de futuras actuacións de conservación dos hábitats abranguidos polo proxecto por parte dos beneficiarios. Ademais, mediante as accións de sensibilización e comunicación espera que este proxecto sirva para avanzar na conservación duns hábitats insuficientemente coñecidos e valorados na Península Ibérica.

O proxecto inclúe accións dirixidas á restauración dos hábitats de turbeira e os medios higrófilos asociados dentro do ámbito do proxecto, á recuperación de poboacións de especies de flora ameazadas, así como a creación dun banco de xermoplasma, no que se conservará material xenético daquelas especies características e ameazadas dos hábitats higrófilos e de turbeira, de tal forma que se vexa favorecida a sostibilidade a longo prazo das accións de restauración de hábitats e recuperación de especies.

Todas estas accións veñen acompañadas dun plan de seguimento, no que se analizarán, non só os efectos sobre os hábitats e especies, senón que tamén contémplanse os aspectos socioeconómicos a través dun estudio dos servizos ecosistémicos que este tipo de humidais prestan á sociedade. O proxecto leva tamén aparellado un programa de divulgación e sensibilización dirixido tanto a poboación en xeral como aos sectores profesionais implicados no manexo dos hábitats e recursos naturais.

O vicerreitor do campus de Lugo, Pedro García Herradón, o vicerreitor adxunto de investigación e innovación e membro do grupo Territorio & Biodiversidade, Pablo Ramil, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez; Ricardo García-Borregón, director xeral de de Conservación da Natureza, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras; a directora do Ibader, Elvira López Mosquera; o secretario do devandito Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, Antonio Iglesias Becerra, e Antonio Rigueiro, en calidade de o membro do comité científico do Ibader.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.02.2013.